A RFG grava con Cristina Pato unha obra do compositor compostelán Octavio Vázquez

mércores, 11 Xullo, 2018

A Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta do seu director titular, o mestre Paul Daniel, está a realizar a gravación dun disco no que se poderán escoitar obras de compositores galegos contemporáneos. Ao longo desta semana terá lugar a gravación dunha obra do compositor compostelán Octavio Vázquez, na que ten unha participación destacada como solistas de gaita a recoñecida músico e compositora Cristina Pato.

 

Hoxe mércores (11 de xullo) e mañá xoves (12 de xullo), a Real Filharmonía de Galicia grava Viúvas de vivos e mortos, que Octavio Vázquez (1972) escribiu expresamente para ser interpretada por Cristina Pato. Esta obra foi estreada pola orquestra no concerto de peche da temporada 2015-2016.  

 

Viúvas de vivos e mortos é unha homenaxe ás mulleres galegas. Octavio Vázquez describe deste xeito a súa obra dende o punto de vista conceptual e musical: “os papeis tradicionais das mulleres na sociedade galega, a miúdo como resultado de circunstancias históricas adversas, non foron secundarios aos dos homes. A historia galega está repleta de exemplos de mulleres líderes, mesmo cando se trata da política e da guerra, en todos os períodos da historia rexistrada. Máis recentemente, as mulleres asumiron moitas veces o fornecemento de familias enteiras nun ambiente preindustrial, dende a xestión de facendas á construción de estradas. Foron estas as viúvas de vivos e mortos, resultantes da emigración en masa sufrida durante gran parte dos séculos dezanove e vinte. Esta peza celebra o seu espírito inquebrantable e finalmente triunfante”. E explica que “a obra, que require o emprego de dúas gaitas, enraiza na rica tradición musical galega, á vez que explora as diversas posibilidades expresivas, cromáticas e de afinación alternativa da gaita”.

 

Xunto á composición Viúvas de vivos e mortos, forman parte deste disco tres obras máis de compositores galegos. A obra Pasaxes do compostelán Fernando Buide (1980), na que participou a soprano tinerfeña Raquel Lojendio, composta por encargo da Fundación SGAE e a Asociación Española de Orquestas Sinfónicas (AEOS). A obra Jobs and gates at dawn (and other uchronias), escrita polo compositor vigués Eduardo Soutullo (1968), un encargo da Fundación Autor e a AEOS. E a obra Pórtico da Illa de Monteagudo do compositor Juan Durán (1960), tamén de Vigo, e na que ten un papel destacado a arpa.