A RFG conmemora o centenario do final da I Guerra Mundial

luns, 26 Novembro, 2018

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o mércores 28 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, dentro da temporada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves 29 a orquestra tocará na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono.

 

O mestre Paul Daniel, director titular da RFG, será o encargado de levar a batuta en ambos os concertos. Baixo o título “Tras as liñas”, o programa comezará con Behind the lines (Tras as liñas), do compositor escocés Cecil Coles (1888-1918). Escribiu esta obra na fronte, durante a Primeira Guerra Mundial. Levaba a partitura orixinal a todas partes e, nun bombardeo, perdeu os dous movementos centrais da obra. O primeiro movemento que se conserva ofrece un bosquexo dunha paisaxe pastoral do norte de Francia, afastado da devastación da guerra; e o segundo, as imaxes heroicas dun cortexo fúnebre militar. O compositor acabou perdendo a vida no campo de batalla.

 

Dentro deste programa poderemos escoitar outra obra composta en 1918: A song before sunrise (Unha canción antes do amencer) do británico Frederick Delius (1862-1934), un poema sinfónico caracterizado polo cromatismo, as melodías en constante desenvolvemento e a imitación musical dos sons da natureza.

 

Con estas dúas obras de Cecil Coles e Frederik Delius a RFG quere conmemorar o centenario do final da Primeira Guerra Mundial.

 

O público poderá gozar tamén co Concerto para viola (versión de 1962) do británico William Walton (1902-1983). Trátase dun dos concertos para viola máis coñecidos de todo o repertorio para este instrumento e que levou a Walton á cabeza da música instrumental británica dos anos 30 do século pasado. Nesta ocasión será interpretado por viola navarra Isabel Villanueva.

 

Isabel Villanueva, unha de violas máis prominentes da súa xeración a nivel internacional

 

Nacida en Pamplona en 1988, Isabel Villanueva formouse en Italia, Suíza e Londres. É valorada pola súa expresión e gran sensibilidade, así como polo seu afán de difundir a viola como instrumento con voz propia. É unha das violas máis prominentes da súa xeración a nivel internacional. Foi galardoada con numerosos premios nacionais e internacionais e convidada por orquestras de toda España, Europa e Asia. Esta temporada debutará como solista en Estados Unidos no Kennedy Center de Washington. No ano 2013 converteuse no primeiro viola estranxeiro en ofrecer recitais en Irán.

 

É convidada con regularidade a impartir clases maxistrais de viola en todo o mundo, en particular no Royal College of Music de Londres, no Conservatorio Superior de Música do Líbano, na University of Arts and Music de Teherán e en China. En 2015 recibe o recoñecemento institucional “Marca España” e é elixida Embaixadora mundial do talento español por Clear Channel. Involucrada en causas humanas, é ademais Embaixadora cultural da Fondation Prim´enfance en Suíza. Toca unha viola do ano 1670.

 

Os concertos concluirán coa “Sinfonía nº 94” de Haydn

 

Ambos os concertos concluirán coa Sinfonía nº 94 “A sorpresa” de Haydn (1732-1809), a segunda das Sinfonías de Londres e unha das súas obras máis coñecidas. Debe o seu nome e gran parte da súa fama ao seu segundo movemento, xa que no mesmo, tras un comezo cunha melodía suave, escóitase un súbito acorde fortissimo de timbal. Este tipo de bromas eran moi comúns en Haydn.

 

Charla previa co director Paul Daniel e coa viola Isabel Villanueva

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Paul Daniel e coa viola Isabel Villanueva. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.