A RFG abre o “XLVI Ciclo de Grandes Autores e Intérpretes” no Auditorio Nacional de Madrid

venres, 19 Outubro, 2018

A Real Filharmonía de Galicia inaugurará o 26 de outubro a temporada 2018-2019 do “XLVI Ciclo de Grandes Autores e Intérpretes de la Música”, promovido polo Centro Superior de Investigación y Promoción de la Música da Universidad Autónoma de Madrid. Será no Auditorio Nacional de Madrid, ás 19:30 horas. A RFG regresa así de novo á cidade madrileña e faio subíndose a un dos escenarios máis relevantes e prestixiosos de todo o territorio nacional. A última vez que a orquestra estivo en Madrid foi hai catro anos, en novembro de 2014, tamén no Auditorio Nacional, dirixida por Paul Daniel e co violinista albanés Tedi Papavrami.

 

A RFG tocará o mesmo programa o día anterior, o xoves 25, na súa sede, o Auditorio de Galicia (Santiago), ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono.

 

O mestre Jonathan Webb, principal director convidado da RFG desde outubro de 2016, levará a batuta de ámbolos dous concertos. É ademais o director musical da Camerata Strumentale “Città di Prato”. Estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. É convidado con frecuencia en salas de concertos de toda Europa e dirixe agrupacións en Israel, China, Xapón, Tel Aviv… Con motivo do evento “Colosseo 2000”, dirixiu un concerto no Coliseo de Roma, o primeiro que se celebraba en 1.500 anos.

 

Dúas noites con Mendelssohn

 

Baixo o título “Unha noite con Mendelssohn”, o programa destes concertos xirará ao redor da figura do compositor romántico alemán. Ambas as citas arrincarán coa obra As Hébridas, composta no ano 1830, inspirada nas illas escocesas. Mendelssohn, de viaxe en Escocia, visitou As Hébridas e en particular a illa de Staffa, onde quedou marabillado pola Gruta de Fingal e inmediatamente iniciou a escritura deste poema sinfónico. É unha das primeiras obras musicais que trata da descrición dunha paisaxe. No primeiro tema descríbese a citada cova, transmitindo o sentimento de soidade, e no segundo represéntase o movemento do mar e das ondas.

 

A continuación soará o Concerto para violín, a última grande obra orquestral do compositor alemán e un dos concertos para violín máis populares e interpretados de todos os tempos. Estreada no ano 1845, trátase dunha obra innovadora para a época. Co paso do tempo, converteuse nunha peza esencial para todos os virtuosos deste instrumento. Nesta ocasión será interpretada polo recoñecido violinista búlgaro Svetlin Roussev.

 

Os concertos de Santiago e Madrid concluirán coa Sinfonía nº 8, unha das doce sinfonías para cordas compostas por Mendelssohn cando tiña entre 12 e 14 anos de idade, que adoitaba presentar na súa casa cunha orquestra privada para os socios e amigos dos seus pais que formaban parte da elite intelectual de Berlín. A RFG interpretará a versión con arranxo para ventos do propio compositor.

 

O virtuosismo de Svetlin Roussev, violinista principal da Orquestra Filharmónica de Radio Francia e da Filharmónica de Seúl

 

O Concerto para violín será interpretado polo virtuoso búlgaro Svetlin Roussev, que comezou a súa educación musical a moi curta idade coa súa nai, profesora na escola de música da súa cidade natal, Ruse. En 1991 foi aceptado no Conservatorio Nacional Superior de París e tres anos despois foi galardoado co Primeiro Premio summa cum laude de Violín e co Primeiro Premio de Música de Cámara. Na súa traxectoria recibiu numerosos premios en concursos internacionais.

 

Roussev afronta con gran virtuosismo e intensidade un amplo rango de repertorio, desde o barroco á música actual. Recoñécense especialmente as súas interpretacións do repertorio eslavo e é un dos principais difusores da música búlgara. É convidado con regularidade por orquestras en Europa, Asia e América; e traballou baixo a batuta de grandes directores.

 

Na actualidade é profesor de violín no Conservatorio Superior de Música de París e concertino da Orquestra Filharmónica de Radio Francia e da Filharmónica de Seúl.

 

Toca un Stradivarius de 1710, cedido pola Fundación da Música Nipoa.