A Real Filharmonía de Galicia celebrará 25 concertos na nova temporada de abono

xoves, 20 Xullo, 2017

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) acaba de presentar a súa nova temporada de abono 2017-2018 na súa sede, o Auditorio de Galicia. A orquestra celebrará 25 concertos de abono, que, alén de afondar nun repertorio autores esenciais e conmemorar fitos como o 300 aniversario da estrea da Música Acuática de Haendel, o centenario do pasamento de Debussy ou do nacemento de Bernstein, aventúrase con novas propostas, descobre pezas contemporáneas menos coñecidas e garda lugar para novas composicións de autores galegos.

 

Actuacións gratuítas, proxectos didácticos e iniciativas solidarias

 

En setembro, a orquestra sairá á rúa con varios concertos de balde en centros socioculturais e en diversos puntos da cidade. Como vén sendo habitual, programaranse concertos didácticos para escolares que buscan reforzar a formación musical na actividade regular docente.  

 

Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúa no Auditorio o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!. Dirixido ás familias, a rapaces e a quen non ten a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, ofrece horarios e prezos accesibles para todos. No marco do proxecto “RFG Solidaria”, posto en marcha a finais da temporada pasada, cada unha destas actuacións destinarase a dar visibilidade a unha ONG que loita pola defensa da infancia.

 

Ópera

 

A temporada de abono comezará o 6 de outubro coa versión concerto da ópera A somnámbula de Bellini, interpretada polas voces das sopranos Marina Monzó e Eva Tenorio, a mezzosoprano Nuria Lorenzo, os tenores Jesús León (o recoñecido tenor mexicano cantará por primeira vez en España) e Pablo Carballido, os baixos Felipe Bou e Pedro Martínez Tapia, xunto ao Coro Gaos. Tamén se porá en escena en Vigo.

 

O 18 de abril é quenda para a Elektra de Strauss, coas sopranos María Ruíz e Mabel Ortega, a mezzosoprano Marta Infante, o barítono Richard Wiegold e o tenor José Manuel Zapata.

 

Varias estreas

 

No marco das Xornadas de Música Contemporánea, a RFG interpretará en outubro, por primeira vez en España, a obra Jong. Música para malabarista e orquesta de cámara, da compositora finesa Lotta Wennäkoski. Dentro deste ciclo soará tamén a obra Jobs and gates at dawn (and other uchronias) do compositor galego Eduardo Soutullo. Ademais, ao longo da temporada estrearanse varias obras, entre elas pezas dos compositores galegos Antón Alcalde e Jacobo Gaspar.

 

En novembro, dentro do Festival Cineuropa, a orquestra poñerá banda musical aos filmes Carmen de Cecil B. DeMille e Parodia de Carmen de Charles Chaplin. E, seguindo co seu achegamento ao cinema, en abril interpretará a banda sonora orixinal de A Guerra das Galaxias de John Williams.

 

O 22 de decembro, coa colaboración da Obra Social La Caixa, soará O Mesías participativo de Haendel, dirixido por Daniel Reuss, interpretado por grandes voces da lírica internacional, xunto ao coro Cappella Amsterdam e varios coros afeccionados. E en xaneiro ofrecerase o tradicional Concerto de Reis, con obras de Ibert, Frank e Bizet dirixidas por Diego Masson e co saxofonista compostelán Xabi Casal e a tamén compostelá pianista Isabel Pérez Dobarro como solistas.

 

No marco das festas da Ascensión, en maio, a orquestra ofrecerá un concerto ao aire libre, ademais do tradicional concerto das Letras Galegas. E o 24 de maio rematará a temporada, con pezas de Ravel, Strauss e Stravinsky, baixo a dirección de Jaime Martín  e con Lucas Macías no óboe solista.

 

Grandes batutas e solistas de renome internacional

 

En novembro, o actual director da Orquesta de la Comunidad de Madrid, Víctor Pablo Pérez, dirixirá a RFG e o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, nun programa que inclúe o Réquiem en do menor de Cherubini e a Sinfonía nº 4 de Schumann. Ademais, ao longo da temporada poranse á fronte da agrupación grandes mestres nacionais e internacionais como Manuel Coves, Timothy Brock, Antoni Wit, Daniel Reuss, Diego Masson, Manuel Hernández-Silva, Vicente Alberola, Pierre Bleuse, Christoph König ou Jaime Martín.

 

Respecto aos solistas convidados, destacan figuras de renome como o saxofonista e clarinetista cubano Paquito D´Rivera; o trompetista venezolano Pacho Flores, do que se estreará unha obra súa; os pianistas Steven Osborne, Lars Vogt (tamén levará a batuta), Alexandre Kantorow e Isabel Pérez Dobarro; o saxofonista Xabi Casal; os violinistas Matthieu Arama e Veronika Elberle; o violonchelista Paulo Lima; o oboísta Lucas Macías; ou o o organista David Hill, que, ademais, conducirá a orquestra.

 

Continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manterán charlas distendidas co público antes de cada actuación, coa finalidade de poñer en contexto as súas interpretacións e fornecer un achegamento ao repertorio de primeira man.

 

Concertos nas cidades galegas

 

A Real Filharmonía de Galicia mantén a súa presenza nas cidades galegas con 17 actuacións xa confirmadas, ás que se sumarán outras pendentes de concretar. Continúa a súa temporada de concertos estable en Vigo cun mínimo de 10 actuacións no Teatro Afundación; ofrecerá un concerto en Lugo, desprazarase á Coruña, con 2 concertos no Palacio da Ópera; e no Teatro Jofre de Ferrol actuará en 4 ocasións. A temporada inclúe tamén unha saída a Oviedo en xaneiro.