Presentación da ópera “A amnesia de Clío” de Fernando Buíde

martes, 29 Outubro, 2019

A Real Filharmonía de Galicia vai estrear a ópera galega A amnesia de Clío do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde, a primeira grande ópera do século XXI en Galicia. Será o 10 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago, ás 20:30 horas, onde se utilizará o foso do Auditorio e con todas as entradas xa vendidas. Representarase de novo o día 12 no Teatro Colón da Coruña e -en versión concerto- o 14 no Auditorio Municipal de Ourense -ambos ás 20:30 horas-. A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, Paul Daniel; coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. 

 

A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora e o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; co financiamento da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e o Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolto coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA. 

 

A ópera presentouse esta mañá no Auditorio de Galicia, coa presenza do director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García; o deputado provincial de Cultura da Coruña, Xurxo Couto; o presidente da Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, Jesús Couceiro; o compositor Fernando Buíde; a directora escénica Marta Pazos, da compañía Voadora; o produtor José Díaz, de Voadora; a soprano Raquel Lojendio, protagonista feminina da ópera; o barítono Sebastià Peris, protagonista masculino; e a mezzosoprano Marina Pardo.

 

Na súa intervención, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández, salientou “o valor que ten o feito de lograr sumar a tantos organismos e tantas colaboracións para facer un proxecto de ópera”. Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, manifestou que “é un soño que unha ópera se poida celebrar en galego e que teña difusión por diferentes cidades galegas, un proxecto de calidade que contribúe a potenciar a cultura e a lingua galega”. A concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, fixo referencia a “un grandísimo espectáculo, unha gran produción que vai ser moi relevante para a cidade de Santiago e para toda Galicia”. O director da AGADIC, Jacobo Sutil, destacou o valor dunha “ópera contemporánea en galego, composta por un galego e libreto tamén en galego, e que porá en escena unha compañía da terra; un proxecto moi complexo pero cuxa estrea vai ser todo un fito”.

 

O compositor Fernando Buíde sinalou que lle fai “moita ilusión estrear o meu proxecto máis grande na miña casa e coa Real Filharmonía de Galicia”. E indicou que “a ópera é teatro e tiven presente que o texto e a súa comunicación era o que tiña que guiar a composición da peza”. A directora escénica Marta Pazos referiuse a “un traballo de orfebrería” e destacou que se pretende transmitir “a frescura que caracteriza á nosa compañía dende o punto de vista artístico, contemporáneo; o resultado é moi xenuino”.

A soprano Raquel Lojendio, que vai interpretar a Clío, falou dunha personaxe “muy complicada pero muy interesante. Es la unión de muchas mujeres y de muchas realidades. Va a ser un espectáculo muy entretenido y visualmente muy potente”.

 

Reivindícase o papel da muller na arte e na política

 

A amnesia de Clío é unha ópera contemporánea de gran formato cunha temática moi actual: o cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política, rexida habitualmente por impulsos testosterónicos, como no mundo da arte, subvertendo a relación musa/artista.

 

A amnesia de Clío é unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas entrecrúzanse para crear unha obra cun pé na realidade e outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista. Xoga con realidades que mesturan arte e política, inspiración e realidade, e faino partindo de feitos constatados. Como por exemplo a vertente artística desenvolta polo expresidente dos Estados Unidos George W. Bush trala súa saída da Casa Branca, cando comeza a pintar retratos doutros dirixentes políticos ou dos soldados que enviou á guerra de Irak. Todo iso vertebrado a través da figura de Clío, musa da Historia encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política. Unha viaxe en sentido inverso á do seu antagonista na ópera: a musa rebélase para reivindicar o papel da muller máis aló da inspiración.

 

O compositor Fernando Buíde

 

A ópera é o resultado de dous anos de traballo do compositor compostelán Fernando Buíde. Doutorado na Universidade de Yale, foi compositor residente na Real Academia de España en Roma. Durante a temporada 2014-15 foi o compositor español actual máis programado por orquestras sinfónicas profesionais de España. Entre outros premios recibiu o AEOS-BBVA na súa sétima edición, o premio Michael Friedmann de investigación da Universidade de Yale ou o premio Harry Archer de composición orquestral.

 

Un grande elenco de voces

 

Serán máis de 70 artistas en escena. O rol feminino principal, o da musa Clío, interpretarao a soprano canaria Raquel Lojendio. Ademais, contarase coas voces do barítono valenciano Sebastià Peris no papel de George e da mezzosoprano cántabra Marina Pardo como Mannon/Merkel; xunto ao compostelán Orfeón Terra A Nosa que dirixe Miro Moreira.