O Cuarteto Quiroga interpreta “Absolute Jest” de John Adams

luns, 10 Febreiro, 2020

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana tres concertos, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel, nos que se contará coa participación do aclamado Cuarteto Quiroga. Interpretarán a obra Absolute Jest de John Adams, inspirada en Beethoven. O programa completarase ademais con Masquerade de Anna Clyde e a Sinfonía nº 2 de Beethoven.

 

O primeiro concerto será o xoves 13 no Auditorio de Galicia (Santiago), ás 20:30 horas. O venres 14 a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Auditorio Afundación (20:00 horas), no marco da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. E o concerto do sábado 15 será no Palacio da Ópera da Coruña (20:00 horas), froito do proxecto de intercambio coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

 

O programa do concerto, titulado “Xogando con Beethoven”, abrirase coa estrea en España da obra Masquerade, da compositora británica Anna Clyne (1980), dentro do compromiso da Real Filharmonía de Galicia coa creación contemporánea. A peza foi un encargo da BBC e alude ao ambiente festivo dun baile de máscaras.

 

O Cuarteto Quiroga, recoñecido polas súas interpretacións audaces e renovadoras

 

A continuación soará Absolute Jest do estadounidense John Adams (1947), un encargo da Sinfónica de San Francisco para conmemorar o centenario da orquestra, inspirada en creacións de Beethoven. Será interpretada polo Cuarteto Quiroga, integrado polo violinista Aitor Hevia, o violinista ourensán Cibrán Sierra (que toca un violín Nicola Amati “Arnold Rosé” do ano 1682 cedido polos herdeiros de Paola Modiano), o viola Josep Puchades e a violoncellista Helena Poggio.

 

O Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018, está considerado na actualidade como un dos grupos máis singulares e activos da nova xeración europea, internacionalmente recoñecido entre crítica e público polas súas interpretacións audaces e renovadoras. Naceu coa vontade de render homenaxe ao gran violinista galego Manuel Quiroga. Formado con grandes mestres na Escuela Reina Sofía, a Musikhochschule de Basilea e a Academia Europea de Música de Cámara, foi galardoado nos máis prestixiosos concursos internacionais (Bordeus, Italia, Pequín, Xenebra, París…) e os seus discos recibiron o recoñecemento das mellores revistas especializadas.

 

É un grupo habitual das salas máis importantes do escenario camerístico internacional (Wigmore Hall de Londres, Filharmónica de Berlín, Lincoln Center de Nova York, Mozarteum de Salzburgo, Invalides de París, Auditorio Nacional Madrid, Concertgebouw de Ámsterdam…). En 2007 recibiu o Premio Ojo Crítico de RNE e en 2006 a Medalla de Oro do Palau de Barcelona.

 

Fortemente implicados co ensino da música de cámara, son responsables da Cátedra de Cuarteto y Música de Cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón e convidados con regularidade a impartir clases na Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) e en conservatorios superiores e universidades de toda Europa, Estados Unidos e América Latina.

 

Ano Beethoven

 

Os concertos de Santiago, Vigo e A Coruña concluirán coa Sinfonía nº 2 de Beethoven, dentro da homenaxe que a Real Filharmonía de Galicia está a facerlle ao xenial compositor ao longo deste ano Beethoven, no que se conmemora o 250 aniversario do seu nacemento. Escribiuna cando empezaba a experimentar os primeiros síntomas da súa xordeira. O resultado é unha composición enérxica, cargada de beleza e vitalidade.

 

O público poderá conversar co mestre Paul Daniel

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público poderá manter unha charla previa co director Paul Daniel. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Documentos relacionados: