Michail Jurowski ponse á fronte da RFG

luns, 28 Outubro, 2019

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro será o mércores 30 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, no marco de colaboración entre a RFG, a Sociedade Filharmónica de Vigo e a Fundación Abanca. O xoves 31 a orquestra tocará na súa sede, o compostelán Auditorio de Galicia, a partir das 20:30 horas.

 

O director Michail Jurowski

 

A batuta de ambos os concertos levaraa o director ruso Michail Jurowski. Nacido en Moscova en 1945, é fillo do compositor Wladimir Jurowski e neto do director David Block. Dmitri Shostakóvich era amigo da familia e a miúdo tocaban xuntos pezas ao piano. Estas experiencias tiveron unha grande influencia sobre el, converténdose na actualidade nun dos principais intérpretes da música de Shostakóvich.

 

Formado no Conservatorio de Moscova, durante os seus estudos foi director asistente da Sinfónica da Radiotelevisión de Moscova e nos seus últimos anos na Unión Soviética dirixiu con frecuencia no Teatro Bolshói. En 1989 deixou o seu país para traballar na Semperoper de Dresde. Ademais, foi principal director da Northwest German Philharmonic Orchestra, Ópera de Leipzig, Orquestra Radiofónica da WDR de Colonia, Ópera Alemá de Berlín; principal director convidado da Sinfónica da Radio de Berlín, Filharmónica Janáček, Sinfonia Iuventus e da Orquestra Tonkünstler da Baixa Austria.

 

Na temporada 2018/19 lanzouse en Warner Classics a ópera Moisés de Anton Rubinstein, que o mestre Jurowski gravou e realizou a súa estrea mundial coa Sinfonia Iuventus, un proxecto que recibiu o patrocinio da UNESCO. Na actual temporada destaca o seu regreso á Scala de Milán para dirixir O lago dos cisnes.

 

Gañou o Premio Alemán de Críticos de Gravación nos anos 1992, 1996 e 2017. En 2001 recibiu un nomeamento aos Grammy por tres producións en CD de Música Orquestral de Rimski-Kórsakov coa Orquestra RSB.

 

A violinista Ellinor D´Melon

 

“Brahms, sempre” é o título do programa, que renderá homenaxe ao compositor romántico alemán Johannes Brahms (1833-1897). Os concertos comezarán coa interpretación do Concerto para violín en Re maior, unha obra de elevada dificultade técnica. Tocarao a virtuosa violinista Ellinor D´Melon. 

 

D´Melon, de pais cubanos, naceu en Xamaica. Comezou a tocar o violín con dous anos e con tan só 19 xa goza dunha importante traxectoria. Actuou baixo a batuta de grandes mestres como Zubin Mehta ou Vladimir Spivakov; e nas salas de concerto máis prestixiosas do mundo como a Filharmónica de Berlín, Teatro Mariinsky, Auditorio Nacional de Madrid, Concertgebouw de Ámsterdam, a Sala Verdi de Milán ou o Royal Albert Hall de Londres, entre outras moitas.

 

Entre os seus éxitos recentes, no ano 2017 obtivo o primeiro premio no concurso internacional “Debut Berlin” da Filharmónica de Berlín, en 2016 o primeiro premio e premio especial á “Mellor Interpretación da Peza Rusa Contemporánea” no certame ruso Novosibirsk. Tamén recibiu o “Premio Virtuoso” no 2º Concurso Internacional de Manhattan (2017) e o primeiro premio no Wieniawski para mozos violinistas (2012, Polonia). Toca un violín Giovanni Baptista Guadagnini de 1743, cedido por un doante anónimo de Londres.

 

A “Sinfonía nº 1” de Brahms

 

Os concertos de Santiago e Vigo concluirán coa Sinfonía nº 1 de Brahms. O compositor dedicou case dúas décadas a completar a obra, que recolle notables influencias da Novena de Beethoven.