Luis Iglesia substitúe a Carlos Blanco como narrador no concerto de peche da temporada

martes, 2 Abril, 2019

A Real Filharmonía de Galicia celebrará o seu concerto de peche da temporada de abono o vindeiro 29 de maio (Auditorio de Galicia, 20:30 horas), actuación que se repetirá ao día seguinte no Auditorio de Ferrol (tamén ás 20:30 horas). Entre as obras que se van interpretar está A balada do cárcere de Reading do compositor británico Jonathan Rathbone, para o que se ía contar co actor Carlos Blanco como narrador. É unha peza inspirada no poema homónimo que Oscar Wilde escribiu trala súa liberación da prisión de Reading. O actor tivo que cancelar a súa participación neste concerto e será substituído polo tamén actor galego Luis Iglesia.

 

Todas aquelas persoas que xa teñan mercada a entrada para este concerto e por mor deste cambio desexen que se lles devolva o importe da mesma poderán facelo por dúas vías. Naqueles casos nos que as entradas se adquiriran a través da páxina web www.compostelacultura.gal, terán que solicitar a devolución enviando un correo electrónico ao enderezo comunicacion@auditoriodegalicia.org. E se as entradas se mercaron na billeteira do Teatro Principal ou do Auditorio de Galicia, terán que acudir alí mesmo para recibir o importe da entrada.

 

Luis Iglesia, un actor moi recoñecido no eido televisivo

 

O actor Luis Iglesia (Riotorto-Lugo, 1962) tivo papeis protagonistas en series televisivas de grande audiencia na Televisión de Galicia (TVG) como Lobos e cordeiros, Pazo de familia, As leis de Celavella, Libro de familia, Terra de Miranda, na miniserie O Códice e foi Carmelo Matalobos na exitosa serie Matalobos durante sete temporadas. Tamén participou en series de Tele5 como Vivir sin permiso, Piratas ou Hospital Central; en El ministerio del tiempo de TVE ou na TV movie Entre bateas. Exerceu de presentador e cantante no programa musical “Heicho cantar” da TVG, canle na que presentou varios programas.

 

No eido cinematográfico participou en longametraxes como Julieta de Pedro Almodóvar, La playa de los ahogados de Gerardo Guerrero, Somos gente honrada, Vilamor, Secuestrados, Heroína ou El regalo de Silvia, entre outras moitas películas. Ademais, tivo papeis protagonistas e secundarios en varias curtametraxes. No teatro formou parte de numerosas producións como actor, director, cantante ou monologuista.