Lars Vogt dirixe a orquestra en Portugal

xoves, 5 Xullo, 2018

A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer un concerto en Portugal o 7 de xullo, no marco do prestixioso “Festival Internacional de Música de Espinho”, no Auditorio da cidade, ás 22:00 horas. A batuta levaraa o músico alemán Lars Vogt, que ademais interpretará dous concertos de Beethoven ao piano.

 

A actuación comezará co Concerto para piano nº 2 de Beethoven (1770-1827) e continuará coa Sinfonía clásica do compositor ruso Serguéi Prokófiev (1891-1953), concluíndo co Concerto para piano nº 3 de Beethoven. A RFG xa presentou este programa na temporada que acaba de concluír, tanto en Santiago como en Oviedo, con grande éxito de crítica e público.

 

Lars Vogt, un artista moi versátil nomeado aos Premios Grammy

 

Lars Vogt consagrouse como un dos pianistas máis recoñecidos da súa xeración. Nacido na cidade alemá de Düren en 1970, chamou por primeira vez a atención do público en 1990 ao quedar segundo no Concurso Internacional de Piano de Leeds, con tan só vinte anos de idade. En 2013 foi nomeado profesor de Piano no Conservatorio Superior de Música de Hannover.

 

Este versátil artista é cada vez máis demandado como director convidado por numerosas agrupacións. Foi director musical da Royal Northern Sinfonia (Inglaterra) e púxose á fronte das orquestras de Colonia, Múnic, Zúric, Salzburgo, Bremen, Filharmónica de Radio Berlín e Sinfónica de Sidney. Entre as súas próximas colaboracións, destacan os seus proxectos coa Orquestra da Ópera de Hannover, Museumorchester de Frankfurt, Orquestra de Cámara de París, Filharmónica de Varsovia e Sinfónicas de Singapur e de Nova Zelandia.

 

Ao longo dos seus 25 anos de carreira como pianista actuou con algunhas das máis importantes orquestras de Europa, América e Asia; baixo a batuta dos directores máis recoñecidos. Foi o primeiro "Pianista en Residencia" da Filharmónica de Berlín, coa que colabora con frecuencia. É un artista moi prolífico e o seu disco “Tríos para piano” de Brahms, que gravou xunto á violoncellista alemá Tanja Tetzlaff, foi nomeado aos Premios Grammy.