Jonathan Webb dirixe obras de Pärt, Britten e Weill

luns, 3 Febreiro, 2020

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos. O primeiro terá lugar o xoves 6 no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres 7 a orquestra desprazarase a Ferrol, onde tocará no Auditorio da cidade, tamén ás 20:30 horas, no marco da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. O mestre Jonathan Webb, principal director convidado da Real Filharmonía de Galicia desde outubro de 2016, dirixirá ambos os concertos.

 

Baixo o título “Outros mundos”, o programa comezará con Fratres para cordas e percusión de Arvo Pärt (1935), precursor da música minimalista. Como é habitual na obra de Pärt, Fratres (Irmáns) ten unha forte inspiración relixiosa. O concerto continuará con outra do mesmo compositor, Cantus in memoriam Benjamin Bitten, homenaxe a un compositor en cuxa música o estoniano recoñecíase. Imbuído polo anhelo de coñecer persoalmente ao mestre británico, cando ao fin tivo libre vía para viaxar, tras a caída do réxime comunista, Britten xa falecera.

 

Seguirá o concerto coa Sinfonía simple de Benjamin Britten (1913-1976). A particularidade desta obra reside nas circunstancias da súa escritura, xa que o compositor acomodou oito melodías escritas no transcurso da súa infancia, entre os 9 e 12 anos, para formar catro movementos. Rematouna cando tiña 20 anos.

 

Os concertos de Santiago e Ferrol concluirán coa Sinfonía nº 1 “Berlín” do alemán Kurt Weill (1900-1950). Compúxoa con vinte e un anos mentres estudaba en Berlín e nesta primeira sinfonía, inspirada nunha obra do poeta Johannes Becher, xa se mostra a súa orixinalidade como compositor.

 

A batuta de Jonathan Webb

 

O mestre Jonathan Webb é, ademais de principal director convidado da RFG, director musical da Camerata Strumentale “Città di Prato”. Estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. Foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv. É convidado con frecuencia en salas de concertos de toda Europa e dirixe agrupacións en Israel, China, Xapón, Tel Aviv… Con motivo do evento “Colosseo 2000”, dirixiu un concerto no Coliseo de Roma, o primeiro que se celebraba en 1.500 anos.