Joana Carneiro, nova principal directora invitada da Real Filharmonía de Galicia

venres, 24 Xaneiro, 2020

A Real Filharmonía de Galicia e o seu director titular e artístico, Paul Daniel, anuncian que a orquestra terá unha nova principal directora invitada a partir da vindeira temporada. Trátase da recoñecida batuta portuguesa Joana Carneiro, que substituirá ao mestre Jonathan Webb, actual principal director invitado desde a temporada 2016/2017.

 

Joana Carneiro debutou coa Real Filharmonía de Galicia en setembro de 2019 para inaugurar a nova temporada da orquestra. Os músicos que integran a RFG son os encargados de propor ao principal director convidado e a directora lisboeta foi a elixida por unha maioría abrumadora. Este posto implica que traballará intensamente coa orquestra durante dúas semanas cada temporada.

 

“Síntome moi emocionada e honrada por este agasallo de ser a principal directora convidada da Real Filharmonía de Galicia. Saber que esta decisión procede dos marabillosos artistas da orquestra conmóveme moito e faime sentir aínda máis agradecida por esta oportunidade de afondar na miña relación coa orquestra. Espero moitos concertos no futuro” -declarou Carneiro ao coñecer o ofrecemento da RFG-.

 

Joana Carneiro é na actualidade a batuta principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa e do Teatro São Carlos de Lisboa. Foi directora musical da Sinfónica de Berkeley entre 2009 e 2018, sucedendo ao mestre Kent Nagano. De 2006 a 2018 foi directora convidada da Orquestra Gulbenkian.

 

Púxose á fronte das máis importantes orquestras europeas, americanas e asiáticas; entre elas a Sinfónica da BBC, a Orquestra da Radio Sueca ou a Real Filharmónica de Estocolmo, á que dirixiu na cerimonia de entrega dos Premios Nobel en 2017.

 

Compromisos recentes e futuros inclúen actuacións coa Orquesta Sinfónica de Castilla y León, Orquesta Nacional de España, Orquestra Philharmonia, Maggio Musicale Fiorentino, Sinfónica de Gotemburgo, Orquestra do Centro Nacional das Artes de Ottawa, Filharmónica de Bergen ou a Sinfónica da BBC de Escocia. Na temporada 2018/2019 dirixiu It´s a wonderful town de Bernstein coa Ópera Nacional Danesa e unha nova produción de Carmen na Ópera Real de Estocolmo. En febreiro deste ano dirixirá unha nova produción de Nixon en China de John Adams coa Ópera Escocesa.

 

En 2002 foi finalista do prestixioso concurso de directores Maazel-Vilar no Carnegie Hall de Nova York. En 2003-2004 traballou cos mestres Kurt Masur e Christoph von Dohnanyi e dirixiu a Filharmónica de Londres como un dos tres directores elixidos para a Academia Internacional de Directores da Fundación Cultural Allianz de Londres. De 2002 a 2005 foi Directora Asistente da Orquestra de Cámara de Los Ángeles e Directora Musical da Orquestra da Fundación Novos Músicos de Los Ángeles. De 2005 a 2008 foi bolseira na Filharmónica de Los Ángeles, onde traballou con Esa-Pekka Salonen.