Inaugúrase a temporada con “O holandés errante” de Wagner (27/09 en Santiago e 29 en Vigo)

venres, 21 Setembro, 2018

A Real Filharmonía de Galicia inaugura a súa temporada coa posta en escena, por primeira vez na comunidade galega, da ópera O holandés errante de Richard Wagner en versión concerto. A orquestra ofrecerá dúas actuacións, o xoves 27 de setembro na súa sede, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas; e o sábado 29 no Teatro Afundación de Vigo, tamén ás 20:30 horas. Estes concertos son unha coprodución da Real Filharmonía de Galicia, Amigos da Ópera de Vigo e Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. A batuta levaraa o director titular e artístico da agrupación, o mestre Paul Daniel.

 

A historia de “O holandés errante”

 

O holandés errante é unha ópera romántica con música e libreto de Richard Wagner, inspirada nunha lenda tradicional e estreada na Semperoper de Dresde en 1843. Sobre o capitán dun barco holandés pesa a maldición de vagar incesantemente polos mares, tendo só unha tregua dun día cada sete anos; se nese día consegue o amor dunha muller, será redimido do seu castigo. A ópera comeza cunha gran tormenta e o noruegués Daland está co seu barco á deriva. Achégaselles un barco pantasma: o barco do holandés errante. Daland aborda o barco e ve as riquezas que posúe. Cando o holandés escoita falar de Senta, a filla de Daland, pídelle a súa man, que este lle concede por cobiza.

 

Na casa de Daland, Senta e outras mozas están a fiar. Senta está obsesionada pola lenda do holandés errante. Erik, o seu prometido, anuncia a chegada de dous barcos. Cando toman terra, a moza recoñece ao holandés e proclama a súa disposición a salvalo da súa condena. Erik lémbralle a Senta que están prometidos, conversa que escoita o holandés, que non quere que a moza rompa a súa promesa e prepárase para partir novamente. Senta consegue escapar dos que a reteñen e tírase ao mar. Entón, os espíritos de Senta e do holandés, xa redimido por amor, ascenden xuntos ao ceo.

 

O holandés na voz do barítono ruso Alexander Krasnov e Daland na do baixo galés Richard Wiegold

 

O papel do holandés será interpretado pola voz do barítono ruso Alexander Krasnov, no que será o seu debut en España. Na actualidade é primeiro solista no Teatro Académico Estatal de Ópera e Ballet de Ekaterimburgo. Xa cantou este rol en varias ocasións, en particular na Ópera Alemá de Berlín.

 

Pola súa parte, o rol de Daland interpretarao o recoñecido baixo Richard Wiegold, nacido no sur de Gales. Posúe unha dilatada traxectoria profesional tanto en ópera como en concerto, cantando nas mellores salas e escenarios de todo o mundo e coas orquestras máis prestixiosas.

 

Completan o elenco outras grandes voces nacionais como a soprano gaditana Maribel Ortega no papel da moza Senta; o tenor ucraíno Eduard Martynyk -solista do Teatro Bolshói de Moscova e do Teatro Estatal de Bielorrusia- como Erik, a mezzosoprano mallorquina María Luisa Corbacho como Mary e o xove tenor granadino Moisés Marín no rol do temoneiro.

 

As voces estarán acompañadas ademais do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, que dirixe o mestre Joan Company desde a súa creación, no ano 1998. Está integrado por máis de 70 voces procedentes de toda Galicia. A súa intensa actividade artística céntrase nos repertorios sinfónico-coral, operístico e a capella.

 

Charla previa con Amigos da Ópera de Santiago

 

Antes da celebración do concerto do xoves 27 en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co secretario de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, José María Miranda; e o profesor de Musicoloxía da Universidade de Santiago Carlos Villanueva. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.