Estrea televisiva da ópera “A amnesia de Clío” na TVG (16 de maio, 22:45 h)

mércores, 6 Maio, 2020

A segunda canle da TVG vai emitir o sábado 16 de maio a estrea televisiva da ópera galega A amnesia de Clío do compositor Fernando Buíde e texto do dramaturgo Fernando Epelde. Será ás 22:45 horas, no marco da programación especial do Día das Letras Galegas. Ao día seguinte, o domingo 17, haberá unha redifusión da ópera arredor da medianoite na primeira canle da TVG.

 

A Real Filharmonía de Galicia estreou esta ópera en novembro de 2019 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel, coa colaboración como director asistente do mestre galego Pablo Devigo. Tamén se representou no Teatro Colón da Coruña e no Auditorio Municipal de Ourense (neste caso en versión concerto).

 

A ópera A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora -con dirección escénica de Marta Pazos- e o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, Centro Dramático Galego, Xunta de Galicia e a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela; realizada co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago de Compostela e o Concello da Coruña; e co patrocinio do Xacobeo 2021. A obra é o resultado dun proxecto desenvolto coa Beca Leonardo a Investigadores y Creadores Culturales 2017 da Fundación BBVA.

 

A ópera é froito de dous anos de traballo do compositor Fernando Buíde

 

O compositor Fernando Buíde explica que A amnesia de Clío é “unha viaxe extravagante, na que a realidade histórica e a ficción políticas se entrecruzan para dar lugar a unha ópera contemporánea, cun pé na realidade e outro na distopía, unha distopía escrita en clave feminista”. É unha ópera en tres actos, froito de case dous anos de traballo do compositor, que aborda a entrada da muller na alta política e no mundo da arte. A protagonista é a musa Clío, encarnada no libreto por unha muller forte, unha artista plástica cunha vida chea de matices que a levan a desembarcar na vida política.

Grandes voces do eido nacional

 

O rol principal, o da musa Clío, interprétao a soprano Raquel Lojendio. O barítono Sebastià Peris desenvolve o rol do expresidente dos Estados Unidos George W. Bush. Pola súa parte, a mezzosoprano Marina Pardo interpreta a Angela Merkel e á sarxento norteamericana Leslie Zimmerman. O elenco de voces complétao o compostelán Orfeón Terra A Nosa, dirixido desde 1984 polo mestre Miro Moreira.

 

#AMiñaNoiteNaÓpera

 

Un dos principais esforzos da Real Filharmonía de Galicia oriéntase a achegar a orquestra e a música clásica a todos os públicos. “Animamos aos espectadores a gozar coa estrea televisiva desta ópera e convidamos ao público a vivir esta experiencia dun xeito especial e a compartir a súa foto nas redes sociais co hashtag #AMiñaNoiteNaÓpera” -sinalan desde a RFG-.

 

#UnhaNoiteNaÓpera

#AamnesiadeClío