Estrea mundial de “Alén” de Eduardo Soutullo

luns, 5 Outubro, 2020

A Real Filharmonía de Galicia inicia a súa temporada 2020-2021 o 8 de outubro, ás 20.30 horas na súa sede, o Auditorio de Galicia, baixo a lema “Emocións naturais”. Quere reivindicar así “o poder da natureza, da vida e do amor a través da música como referentes da nosa esencia como seres humanos, e tamén como fonte de esperanza e inspiración no futuro”.

 

Nesta temporada, na que a RFG conmemora o seu 25º aniversario, realizará 24 concertos en Santiago e outros 18 por toda Galicia: 8 en Vigo, 4 en Ferrol, 2 en Ourense, 2 en Lugo, 1 en Pontevedra e 1 na Coruña. Ademais, mantén o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores galegos, a través da estrea das súas obras.

 

Neste concerto de arranque levará a batuta o director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, o Mestre Paul Daniel. Como todos os concertos da temporada, poderase seguir en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.

 

“Alén”, unha viaxe entre a vida e a morte

 

O programa deste primeiro concerto titúlase “Alén”, que é precisamente o nome da obra do compositor vigués Eduardo Soutullo (1968), gañadora do X Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA en 2019 e que será a súa estrea mundial da man da Real Filharmonía de Galicia.

 

A obra representa unha viaxe entre a vida e a morte. Tal como sinala o compositor, “está inspirada no monumento megalítico galego a Porta do Alén, situada no Monte do Seixo (Pontevedra), que, segundo a tradición, había que atravesar para acceder á outra dimensión”. A partitura recolle, a través dunha linguaxe propia, o son deste lugar de culto celta que ser pensaba era a porta ao máis alá.

 

Obras de Sibelius e Grieg

 

Durante o concerto soarán ademais dúas obras do compositor finlandés Jean Sibelius (1865-1957): varios fragmentos de Pelléas e Mélisande e Finlandia, inspirada no seu país de orixe. O público poderá escoitar tamén unha selección de Peer Gynt, que Edvard Grieg (1843-1907) compuxo para o drama homónimo do escritor noruegués Henrik Ibsen.