Estrea de “Nocturno Sinfónico” de Marcos Fernández-Barrero

luns, 11 Marzo, 2019

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos, o primeiro deles o xoves 14 na súa sede, o Auditorio de Galicia (Santiago), ás 20:30 horas, no marco da súa tempada de abono. O venres 15 a orquestra desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:00 horas, dentro da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. A batuta de ambos os concertos levaraa o mestre suízo Baldur Brönniman, no que será o seu debut coa RFG.

 

Os concertos comezarán coa estrea absoluta de Nocturno Sinfónico do barcelonés Marcos Fernández-Barrero (1984), de nai lucense, un dos compositores españois máis galardoados e con maior proxección da esfera nacional. Foi a obra gañadora en 2017 do Premio de Composición que promoven conxuntamente a Asociación Española de Orquestas Sinfónicas (AEOS) e a Fundación BBVA. Trátase dunha peza de música contemporánea inspirada “nos máxicos e misteriosos estados psicolóxicos que se dan con frecuencia no descanso nocturno. Interésame o que sucede na mente cando non estamos a pensar nin a decidir, o que hai no subconsciente” -resalta o autor-.

 

Profesor de Composición e Piano en Londres e Madrid, aos seus 35 anos conta xa con máis dunha vintena de galardóns internacionais. As súas obras foron programadas por orquestras e ensembles de Europa, Asia, Australia e América. A súa música distínguese por un amplo cruzamento de técnicas e estéticas nas que conflúen tanto as correntes modernas como tendencias do folk celta, o flamenco, o jazz, o pop ou a música de cine.

 

“Raíñas e infantas”

 

Baixo o título “Raíñas e infantas”, o programa destes concertos continuará coa Sinfonía nº 85 de Franz Joseph Haydn (1732-1809), recoñecido como “o pai da sinfonía” debido á súa contribución a este xénero. É a cuarta das seis “Sinfonías de París”, coñecida popularmente como “A raíña de Francia” por ser unha das obras favoritas de María Antonieta.

 

A continuación soará Pavana para unha infanta defunta de Maurice Ravel (1875-1937). Esta obra evoca a elegancia dunha recepción na Corte Real española e o grácil movemento dunha infanta nos pasos dunha pavana, unha danza lenta que gozou de gran popularidade entre o século XVI e XVII.

 

Os concertos concluirán coa suite O aniversario da infanta de Franz Schreker (1878-1934). O compositor baseouse nun relato de Oscar Wilde sobre un anano deforme, descoñecedor tanto dos espellos como da súa propia fealdade. A princesa utiliza como un xoguete ao anano, que morre ao descubrir o monstruoso do seu físico e ante a imposibilidade de ver realizado o seu amor.

 

Charla previa co director e co compositor

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente ao mesmo terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Baldur Brönnimann e co compositor Marcos Fernández-Barrero. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

 

O mestre Baldur Brönnimann é na actualidade o Director Titular da Orquestra Sinfónica do Porto - Casa da Música e Director Titular da Sinfonietta de Basilea. Entre 2008 e 2012 foi Director Musical da Orquesra Sinfónica Nacional de Colombia. Formouse na Academia de Música de Basilea e no Royal Northern College de Manchester, pasando posteriormente a ser profesor convidado nesta institución.       

 

Mantén durante anos un intenso traballo xunto a compositores contemporáneos como John Adams, Saariaho, Harrison Birtwistle, Chin ou Lindberg; e con orquestras como a Filharmónica de Oslo, Real Filharmónica de Estocolmo, Britten Sinfonia, Philharmonia Orchestra, Sinfónica da BBC, Filharmónicas de Copenhague, Seúl, Helsinqui, Bruxelas, Bergen, Estrasburgo… A tempada pasada debutou no Lincoln Center de Nova York coa Sinfónica de Oregón.