Estrea de Jonathan Webb como principal director invitado da RFG

venres, 18 Novembro, 2016

O mestre londiniense Jonathan Webb releva a Christoph König como principal director convidado da RFG. Será no concerto do 24 de novembro no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A actuación retransmitirase en directo por streaming a través da web e das redes sociais da orquestra.

 

O concerto arrincará coa abertura de A noiva vendida do compositor bohemio Bedrich Smetana (1824-1884). É unha comedia lixeira e optimista, ambientada no campesinado checo, destinada ao puro entretemento. Desde a súa estrea, veuse representando con regularidade na República Checa, onde sempre gozou de gran popularidade e os seus habitantes considérana parte esencial da súa cultura nacional. É a única das óperas de Smetana que traspasou as súas fronteiras de orixe para formar parte do repertorio dos teatros internacionais. A súa brillante e trepidante Abertura, que interpetará a Real Filharmonía de Galicia, foi composta bastante tempo antes que o resto da obra e adoita ser peza habitual de concertos sinfónicos.

 

A continuación o público terá a oportunidade de escoitar Suite para cordas do tamén compositor checo Leos Janácek (1854-1928). E o concerto concluirá coa Sinfonía nº 5 de Antonín Dvoràk (1841-1904), considerado o principal representante do nacionalismo checo na música. A Quinta Sinfonía, escrita en pouco máis dun mes, foi estreada en Praga en 1879; é unha obra poderosa e bela, traballada exquisitamente, a primeira sinfonía de madurez de Dvoràk e unha das máis famosas do autor.