Dous concertos dedicados á música española, o 9 e o 11 de agosto

martes, 18 Xullo, 2017

A Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis na 60ª edición do  Curso Universitario Internacional de Música Española “Música en Compostela” con dous concertos, os días 9 e 11 de agosto. Ambas citas terán lugar no Auditorio de Galicia ás 20:30 horas, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave.

 

O concerto do mércores comezará con Canciones y danzas para Dulcinea, do compositor aragonés Antón García Abril (1933), un total de seis cancións e danzas que narran a historia da eterna amada de Don Quijote. A continuación os músicos achegarán ao público a Sinfonietta in Re maggiore do compositor madrileño Ernesto Halffter (1905-1989), considerado o único discípulo de Manuel de Falla.

 

“El amor brujo”

 

O concerto do venres arrancará con fragmentos de Soleriana de Joaquín Rodrigo (1901-1999), unha das obras orquestrais máis longas do popular compositor español. Logo os músicos tocarán o Concerto para violoncello en Sol maior de Luigi Boccherini (1743-1805), compositor e violoncellista italiano afincado dende os 25 anos en España, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira. Interpretarao o violoncellista canario Ángel Luis Quintana, solista da Orquesta Nacional de España, profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona e profesor convidado do Conservatorio de Rótterdam.

 

O público asistente tamén terá a oportunidade de escoitar Sortilegis do catalán Xavier Montsalvatge (1912-2002), unha das figuras clave da música española da segunda metade do século XX. E o concerto rematará con El amor brujo de Manuel de Falla (1876-1946), unha das obras máis importantes da música clásica española que relata o amor atormentado dunha moza xitana, Candela, á que se lle aparece o espectro dun amante morto, celoso ante a súa relación con Carmelo.