A directora coreana Eun Sun Kim, á fronte da RFG

luns, 22 Abril, 2019

Baixo o título “A contratempo”, a Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos baixo a batuta da directora coreana Eun Sun Kim, no que será o seu debut coa RFG. Dentro da súa temporada de abono, a orquestra tocará o xoves 25 en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres 26 a cita será no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, no marco da temporada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación.

 

Os concertos comezarán coa Abertura en Do da pianista e compositora alemá Fanny Mendelssohn Hensel (1805-1847), irmá de Felix Mendelssohn e unha das mulleres con maior talento musical do século XIX. Como compositora era excepcionalmente enxeñosa. Ao longo da súa traxectoria compuxo ao redor de 400 obras, entre as que sobresae precisamente a Abertura en Do, unha peza íntima e moi fermosa.

 

A continuación, os músicos interpretarán a Sinfonía nº 22, coñecida como “O filósofo”, do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809), chamado o “pai da sinfonía” pola súa contribución a este xénero. Crese que o nome desta sinfonía deriva da melodía e o contrapunto do primeiro movemento, que fai alusión musicalmente a unha pregunta seguida dunha resposta, asociado co sistema de debate denominado disputatio. O uso na peza do efecto dun tic-tac apagado tamén lembra a imaxe dun filósofo pensando profundamente conforme pasa o tempo.

 

O programa inclúe ademais a Sinfonía en Do da compositora austríaca de orixe española Marianne Martínez (1744-1812). Foi discípula de Haydn, quen a chamaba “a pequena española”. É unha das compositoras máis citadas do seu tempo.

 

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 101 de Haydn. Trátase da novena das doce Sinfonías de Londres, coñecida popularmente como “O reloxo” polo ritmo do segundo movemento.

 

A directora Eun Sun Kim

 

Eun Sun Kim estudou Composición e Dirección na súa cidade natal, Seúl. Continuou a súa formación en Stuttgart, onde se graduó con distinción. Inmediatamente despois de finalizar os seus estudos recibiu o Primeiro Premio no “Concurso Internacional de Dirección de Ópera Jesús López Cobos”.

 

Logo do seu sensacional debut coa produción de La Traviata da Gran Ópera de Houston en 2017/18, foi nomeada principal directora convidada da compañía, converténdose na primeira muller en conseguilo nos últimos 25 anos. É convidada habitual en moitas óperas europeas, en particular a Ópera Estatal de Berlín.

 

O seu recoñecemento internacional produciuse no ano 2012 tras o seu exitoso debut na produción de La Bohème coa Ópera de Frankfurt. En 2010 debutou no Auditorio Nacional de Madrid coa Orquesta Sinfónica de Madrid e tamén no Teatro Real.