“Concerto para violoncello” de Elgar con Steven Isserlis

luns, 21 Outubro, 2019

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos, baixo a batuta do seu director titular e artístico, Paul Daniel. O xoves 24 conmemorarase o 30º aniversario da sede da orquestra, o Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. E o venres 25 celebrarase un concerto didáctico para estudantes de Secundaria, ás 11:00 horas.

 

O programa do concerto de abono, titulado “Soños de inverno”, abrirase coa estrea de In memoriam, que a compositora galega Sofía Oriana Infante (Santiago, 1989) escribiu por encargo da Real Filharmonía de Galicia, en liña co propósito da RFG de apoiar a novos compositores galegos e á creación contemporánea.

 

Unha peza “profunda e delicada pero tamén esperanzada e enérxica”

 

Tal como explica a compositora, “In memoriam está dedicada aos meus pais. A miña nai faleceu hai un ano e o meu pai cando eu tiña 8 anos, hai 22 anos. É unha obra que se constrúe en base ao recordo de ambos e a música axústase á imaxe que teño deles”. A compositora remarca que é unha peza “profunda e delicada pero tamén esperanzada e enérxica. Lonxe de caer na típica escuridade tenebrosa da morte e recrearme na dor e a soidade, aplícolle a miña propia perspectiva vital”.

 

Sofía Oriana Infante é autora da banda sonora de diversas películas, entre elas Elisa e Marcela de Isabel Coixet. Comezou os seus estudos musicais aos oito anos no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol. Ampliou a súa formación en Oviedo, onde estudou Composición; e logo trasladouse á Universidade de Kingston en Londres para realizar un Máster en Composición para Cinema e Televisión. Na actualidade cursa o seu Doutoramento sobre a Intelixencia Artificial como ferramenta compositiva e o Grao en Historia e Ciencias da Música, alternando con períodos de docencia en conservatorios e escolas primarias.

 

O virtuosismo de Steven Isserlis ao violoncello

 

A continuación soará o Concerto para violoncelo do británico Edward Elgar (1857-1934). A peza, que este ano cumpre o seu centenario, é a obra mestra do compositor e unha das máis importantes escritas para este instrumento. Interpretaraa o violoncellista británico Steven Isserlis, un dos máis aclamados no panorama internacional actual.

 

Isserlis actúa coas orquestras e directores máis importantes do mundo como a Orquestra do Gewandhaus de Leipzig, Filharmónica de Berlín, Filharmónica de Viena, Filharmónica de Londres, Tonhalle de Zúric ou Filharmónica de Los Ángeles. Ten un grande interese na interpretación histórica, á vez que é un gran expoñente da música contemporánea. En 2017 publicou un disco inspirado na Primeira Guerra Mundial coa pianista Connie Shih que reunía obras interpretadas cun violoncello de viaxe que se tocou nas trincheiras.

 

Desde 1997 é Director Artístico do Seminario Internacional de Músicos en Prussia Cove (Reino Unido). Tamén lle gusta tocar para nenos, para os que escribiu historias musicais e publicou libros, que xa foron traducidos a varios idiomas. Gañador de numerosos premios, entre as honras que recibiu destaca o título de Cabaleiro do Imperio Británico en recoñecemento aos seus servizos á música. Interpreta a maioría dos seus concertos co violoncello Stradivarius “Marqués de Corberon” (Nelsova) de 1726, cedido pola Royal Academy of Music.

 

Chaikovski, tamén para os máis xoves

 

O concerto concluirá coa Sinfonía nº 1 “Soños de inverno” de Chaikovski (1840-1893), que describe unha viaxe entre a neve polas grandes extensións rusas. Esta obra repetirase o venres para o público máis xove nun concerto didáctico dirixido tamén polo mestre Paul Daniel, coa colaboración do actor Miguel Guido como narrador.

 

O público poderá conversar con Paul Daniel e coa compositora Sofía Infante

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves, o público poderá manter unha charla previa co director Paul Daniel e a compositora Sofía Infante. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.