Concerto nas Xornadas de Música Contemporánea cunha estrea mundial e unha estrea en España

luns, 10 Xuño, 2019

A Real Filharmonía de Galicia protagoniza un dos concertos das Xornadas de Música Contemporánea, organizadas polo Concello de Santiago, o Consorcio de Santiago, a Universidade de Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea e a Deputación da Coruña. A cita será este xoves, 13 de xuño, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, con entrada libre ata completar o aforo. A batuta levaraa o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel.

 

O programa comezará coa obra Wiener blut (Sangue vienés) do compositor irlandés Gerald Barry (1952), que compuxo no ano 2000 para o Grupo de Música Contemporánea de Birmingham. Toma o título da obra homónima de Johann Strauss e nela recolle moitos dos sons da historia da música.

 

De seguido soará a Sinfonía de cámara do compositor e director de orquestra estadounidense John Adams (1947), un dos máis exitosos e interpretados do seu país. É un artista comprometido coa realidade social e a súa música conecta con todo tipo de públicos. Compuxo esta obra en 1992, tomando como modelo a peza do mesmo título que Arnold Schoenberg escribiu en 1906, aínda que Adams engade como instrumento unha batería e mestura a tradición clásica coa música hiperactiva propia dos debuxos televisivos. Así, o último movemento, denominado O correcamiños, fai referencia ao popular personaxe animado.

 

Estrea de Eduardo Soutullo

 

O programa inclúe a estrea absoluta da Suite sinfónica nº 1 do compositor vigués Eduardo Soutullo (1968), na que se aprecia a influencia da música de compositores como Messiaen ou Takemitsu. Neste último ano as obras orquestrais de Eduardo Soutullo teñen acadado galardóns internacionais como o Primeiro Premio no “VII Composition Competition New Note 2018", convocado pola Orquestra Sinfónica da Radiotelevisión de Croacia; e tamén foi finalista no "Red Note New Music Festival Composition Competition 2018", promovido pola Orquestra da Universidade de Illinois. En 2008 obtivo o Premio Reina Sofía de Composición Musical. En 2012 compuxo a música dunha curtametraxe do director de cine Lars von Trier.

 

Soutullo comezou a súa formación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo e logo ampliou estudos de Piano, Teoría Musical, Harmonía e Composición en Madrid, París, Alemaña e Inglaterra. As súas obras sinfónicas teñen sido dirixidas por importantes directores e interpretadas por orquestras de toda España, Europa e mesmo Asia.

 

As “Danzas sinfónicas” de Fazil Say

 

O concerto concluirá coas Danzas sinfónicas do recoñecido compositor e pianista turco Fazil Say (1970). Destácase entre o compositores contemporáneos pola súa fusión das tradicións musicais de Turquía e Europa occidental. Esta obra, que se presenta por primeira vez en España da man da Real Filharmonía de Galicia, está moi influenciada pola música turca, empregando elementos da danza tradicional do seu país.