Concerto estelar na Quintana

venres, 24 Xullo, 2015

A RFG participou un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá Praza da Quintana acolleu o venres 31 de xullo un concerto dirixido polo mestre galego Diego García Rodríguez, ás 21:00 horas.

 

Os músicos da RFG interpretaron a famosa obertura de As avespas do compositor británico Ralph Vaughan Williams (1872-1958). O autor recibiu o encargo de crear a música para unha obra de teatro inspirada na comedia satírica homónima do poeta grego Aristófanes. A obertura está chea de encanto e trata de retomar con grande acerto moito do humor presente na peza teatral de Aristófanes. Ao escoitar os primeiros compases, despois duns acordes de alerta, as cordas e os metais crean un efecto que lembra ao do voo dun avespeiro.

 

Obras moi alegres para unha noite festiva

 

De seguido a orquestra tocou a obertura de As alegres comadres de Windsor do compositor alemán Otto Nicolai (1810-1849), fundador da Filarmónica de Viena. A obra está baseada na comedia de Shakespeare sobre as aventuras do crápula John Falstaff, que, dedicado a cortexar a varias mulleres á vez e ao saberse estas enganadas, deciden idear un complot para vengarse. O compositor morrería dous meses despois da estrea da súa obra, a máis popular, antes de cumprir os corenta anos. 

 

O público tamén tivo a oportunidade de escoitar fragmentos do ballet O crebanoces de Chaikovski (1840-1893). Baseado nun conto de Hoffmann, conta a historia de dous irmáns, Clara e Fritz. O día de Nadal o padriño de Clara regálalle á súa sobriña tres caixas con tres regalos diferentes: un arlequín, unha colombina e un gran crebanoces, que o seu irmán acaba rompendo por celos. Logo o rapaz amaña o xoguete e entrégallo á nena, que durante a noite levántase a velo e acaba envolta nun mundo máxico. 

 

O concerto rematou coa obertura de A bela Helena do alemán Jacques Offenbach (1819-1880), considerado como o creador da opereta moderna e da comedia musical. Trátase dunha opereta bufa que parodia a fuxida de Helena con Paris, unha historia ambientada na Guerra de Troia.