Clausura do IX Festival Internacional Peregrinos Musicais

luns, 1 Xullo, 2019

O IX Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase este mércores, 3 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG). A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia e tamén a outros procedentes de Holanda, Canadá e Rusia. Esta cita terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

 

Do total de quince mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 10 e 22 anos de idade, escolléronse a oito para actuar como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Xosé Antón Comesaña, clarinetista de Vigo; Luís López, violinista de Lugo; e da viola compostelá Marta Rodríguez. Ademais, contarase co violoncellista holandés Thomas Prchal, co pianista canadense Elijah Orlenko e cos xoves rusos Erik Mirzoyan (clarinete), Artur Krischyan (violín) e Efrosinia Shuplyakova (arpa).

 

A través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a novas promesas da música. Os rapaces gozan ademais dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra profesional como é a Real Filharmonía de Galicia.

 

Obras para clarinete, violín, viola, violoncello, piano e arpa

 

No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar fragmentos de pezas ou obras completas pertencentes a diferentes épocas e estilos. Así, o programa inclúe o Concerto para clarinete de Aaron Copland, a Sinfonía concertante en Mi bemol maior de Mozart, as Variacións sobre un tema rococó de Chaikovski, o Concerto para piano nº 23 de Mozart, Sholem-alekhem rov Friedman! do compositor húngaro Béla Kovács, a Danza rusa de O lago dos cisnes de Chaikovski e a Aria ao estilo clásico do francés Marcel Grandjany.

 

MÁIS INFORMACIÓN

MERCA AQUÍ AS TÚAS ENTRADAS