Berna Perles canta arias de Mozart e Beethoven

luns, 28 Xaneiro, 2019

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O primeiro será o mércores 30 no Auditorio de Ferrol, ás 20:30 horas, en colaboración coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. E o xoves 31 a orquesta tocará na súa sede, o Auditorio de Galicia, tamén ás 20:30 horas, no marco da súa temporada de abono. A batuta de ámbolos dous concertos levaraa o mestre venezolano Manuel Hernández Silva, Director Musical e Artístico da Orquesta Filarmónica de Málaga e da Orquesta Sinfónica de Navarra.

 

O programa destes concertos, titulado “Alto Drama”, comezará coa abertura de A frauta máxica de Mozart (1756-1791), a última ópera escenificada en vida do compositor, apenas dous meses antes da súa morte. É considerada unha das creacións máis enigmáticas e fascinantes do repertorio operístico.

 

A continuación o público poderá desfrutar coa aria Misera, dove son (Mísera de min, onde estou!) de Mozart, inspirada nos versos do drama Ezio de Metastasio. Será interpretada pola soprano malagueña Berna Perles. Formada en Roma e Viena, recibiu clases maxistrais de ilustres profesores, entre eles Teresa Berganza e Monserrat Caballé. Ten sido premiada en numerosos concursos de canto nacionais e internacionais. En 2016 recibe o recoñecemento á “Mellor Labor Musical do Ano” na súa cidade natal. A súa traxectoria profesional tena levado a actuar, tanto en producións de ópera e zarzuela como en recitais líricos, en teatros e salas de toda Europa.

 

O programa inclúe a abertura de As criaturas de Prometeo de Beethoven (1770-1827). E do mesmo compositor soará a aria Ah, pérfido, na voz de Berna Perles, unha peza que require un elevado virtuosismo vocal debido á súa gran dificultade técnica. Esta aria aborda o desexo de vinganza dunha muller traicionada polo seu amante.

 

O optimismo da “Sinfonía nº 3” de Schumann cerrará os concertos

 

Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 3 de Robert Schumann (1810-1856), considerado un dos máis grandes e representativos autores do Romanticismo musical. Esta sinfonía, a última do compositor, é coñecida como “Renana”, pois nela plasma imaxes e cores a través da referencia a melodías populares e valses orixinarios da rexión situada nos límites do río Rin, na fronteira alemá. Evócase o fluír do Rin, a serenidade da vida en medio da natureza, unha solemne cerimonia na catedral de Colonia, rematando cunha celebración triunfal.

 

Charla previa co director Manuel Hernández-Silva

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Manuel Hernández-Silva. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “CONvers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

 

Manuel Hernández-Silva graduouse no Conservatorio Superior de Viena con matrícula de honra. No ano da súa diplomatura gañou o concurso de dirección Forum Jünger Künstler, convocado pola Orquestra de Cámara de Viena. É un convidado habitual de orquestras españolas e de formacións de toda Europa, América e Asia. Foi director titular da Orquesta de Córdoba e principal director convidado da Orquesta Simón Bolívar de Caracas -coa que traballou intensamente durante máis de cinco anos-, ademais de director musical da Orquesta Joven de Andalucía.