Arranca a temporada coa directora portuguesa Joana Carneiro

luns, 23 Setembro, 2019

A Real Filharmonía de Galicia inicia esta semana a súa nova temporada de abono 2019-2020 baixo a lema “En movemento”. Arrancará o xoves 26 cun concerto na súa sede, o Auditorio de Galicia, e o venres 27 ofrecerá unha segunda actuación no Auditorio de Ferrol, en colaboración coa Sociedad Filarmónica Ferrolana. Ambos os concertos comezarán ás 20:30 horas, conducidos pola directora portuguesa Joana Carneiro, no que será o seu debut coa orquestra.

 

“Ondulacións” é o título destes concertos de inicio de temporada. Darán comezo coa obra Shaker Loops do compositor estadounidense John Adams (1947), un dos compositores máis importantes na actualidade. Nesta peza trata de emular o efecto da ondulación dos corpos de auga, recorrendo para iso á vibración das cordas e a unha música enérxica e reiterativa.

 

Na segunda parte do programa os músicos interpretarán a Sinfonía nº 4 de Chaikovski (1840-1893), unha obra moi ligada á vida do compositor ruso e ás circunstancias particulares da súa suposta homosexualidade. Dedicoulla á súa amiga e mecenas Nadezhda von Meck. Os expertos remarcan que, a pesar das súas dificultades persoais, a tensión vivida polo autor repercutiu nunha maior profundidade creativa.

 

O público poderá manter un encontro previo coa directora Joana Carneiro

 

Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público terá a oportunidade de manter unha charla previa coa directora Joana Carneiro. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

 

A lisboeta Joana Carneiro é a batuta principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa e do Teatro São Carlos de Lisboa, ademais de directora convidada da Orquestra Gulbenkian. Foi directora musical da Sinfónica de Berkeley entre 2009 e 2018, sucedendo ao mestre Kent Nagano. Púxose á fronte das máis importantes orquestras europeas, americanas e asiáticas; entre elas a Sinfónica da BBC, a Orquestra da Radio Sueca ou a Real Filharmónica de Estocolmo, á que dirixiu na cerimonia de entrega dos Premios Nobel en 2017.

 

En 2002 foi finalista do prestixioso concurso de directores Maazel-Vilar no Carnegie Hall de Nova York. En 2003-2004 traballou cos mestres Kurt Masur e Christoph von Dohnanyi e dirixiu a Filharmónica de Londres como un dos tres directores elixidos para a Academia Internacional de Directores da Fundación Cultural Allianz de Londres. De 2002 a 2005 foi Directora Asistente da Orquestra de Cámara de Los Ángeles e Directora Musical da Orquestra da Fundación Novos Músicos de Los Ángeles. De 2005 a 2008 foi bolseira na Filharmónica de Los Ángeles, onde traballou con Esa-Pekka Salonen.

 

En 2010 Joana Carneiro recibiu o Premio Helen M. Thompson, outorgado pola League of American Orchestras, que recoñece a prometedores directores. En 2004 foi condecorada polo presidente da República Portuguesa coa Encomenda da Orde do Infante Don Henrique.