Nil Venditti dirixe a Real Filharmonía de Galicia cun programa con marcado acento italiano

Suporá o debut coa orquestra galega da directora italo-turca cun dobre concerto en Santiago e Pontevedra

A Real Filharmonía de Galicia ofrece este xoves 27 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 28 no Centro Cultural Afundación de Pontevedra un dobre concerto que levará por título ‘Flores italianas’. Ambos os dous terán lugar ás 20.30h e o que se celebrará na cidade do Lérez será en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Pontevedra.

Este programa, no que levará a batuta a directora Nil Venditti, terá un marcado acento italiano. Nel, a Filharmonía interpretará a Sinfonía núm. 2 en Re maior de Louise Farrenc, I Crisantemi de Giaccomo Puccini e a Sinfonía núm. 4 en La maior “Italiana” de Felix Mendelssohn.

Debut coa RFG
Este dobre concerto suporá o debut coa Real Filharmonía de Galicia da directora italo-turca Nil Venditti, unha batuta emerxente que comeza a destacar pola súa presenza con importantes orquestras e conxuntos de todo o mundo. Entre xuño de 2020 e maio de 2022 foi a Principal Directora Convidada da Orquestra da Toscana.

Cunha gran afinidade por Haydn, Mozart, Mendelssohn e Beethoven, ten un marcado interese pola programación contemporánea á vez que destaca no xénero operístico xa que dirixiu recentemente óperas como Cosi fan tutte, L’elisir d’amore, The Lighthouse, Carmen e Tosca.

Entradas á venda
Para os dous recitais desta semana aínda restan entradas á venda. Para o concerto de Santiago poden mercarse a través dos despachos de billetes habituais e da web de Compostela Cultura a un prezo de 15€, mentres que para o do Centro Cultural Afundación de Pontevedra as entradas están dispoñibles a 13€ e 16€ a través da plataforma Ataquilla.