“Nightfall” co trompetista Esteban Batallán

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá un concerto o 3 de novembro no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:00 horas, froito da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica de Vigo. O concerto semanal de abono será o xoves 4, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. Á fronte da orquestra debutará o director Marc-Leroy Calatayud. As entradas están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal e o concerto de Santiago poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.

Baixo o título Músicos errantes, ambos os concertos arrincarán coa Abertura e Danza de Ariadna en Naxos de Richard Strauss (1864-1949). Seguiralle o Concerto de trompeta en Mi bemol maior de Franz Joseph Haydn (1732-1809), que interpretará o trompetista galego Esteban Batallán (Barro-Pontevedra, 1983).

A continuación soará a obra Nightfall (Anoitecer) de Esteban Batallán -trompetista principal da Orquestra Sinfónica de Chicago-, que el mesmo interpretará. O músico explica que se trata dunha peza con reminiscencias do jazz e as baladas, que lembran ao espiritual negro sen perder a base clásica. “Nace no ano 2013, inspirada na obra To Diz with Love que o grande Arturo Sandoval interpretou no concerto da Boston Pops con John Williams en 1993, dedicada ao seu mentor Dizzy Gillespie. Inicialmente, Nightfall, trataba de ser o segundo movemento dun concerto para fliscorno e cordas que finalmente se convertería nesta pequena peza musical, que trata de dar protagonismo a un instrumento pouco utilizado na música sinfónica no rol de solista, o fliscorno” -explica o autor-.

O trompetista galego sinala que Nightfall “relata o desexo máis profundo de prosperar dun mozo músico, apoiándose nunha melodía sinxela, na que se deixa espazo para meditar sobre os sentimentos máis profundos do espectador”. A obra é unha homenaxe aos grandes trompetistas que inspiraron a súa traxectoria: Adolph Herseth, Maurice André e Arturo Sandoval.

Os concertos concluirán con Intermezzo: Catro interludios sinfónicos de Richard Strauss (1864-1949).