Nicolas Altstaedt dirixe coa Real Filharmonía de Galicia un programa que xira arredor de Robert Schumann

Ademais, interepretará o "Concerto para cello en la menor" do compositor romántico alemán

A Real Filharmonía de Galicia celebrará esta semana dous novos concertos da súa temporada ‘Viaxes’ na que celebrará unha ‘Primavera xermánica’ da man do director e violoncellista Nicolas Altstaedt. Os concertos serán o xoves 31 de marzo ás 20.30h no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e o venres 1 de abril ás 20.00h no Círculo das Artes de Lugo.

Baixo o título ‘Primavera xermánica’, o director e violoncellista Nicolas Altstaedt francoalemán Nicolas Altstaedt dirixirá a Real Filharmonía de Galicia nun programa que xira en torno á figura de Robert Schumann. Ademais, o mestre tamén interpretará o “Concerto para cello en la menor” do compositor romántico alemán. A velada continuará coa “Sinfonía nº1 en Si b M, Primavera” baixo a batuta do mestre Altstaedt.

Ademais, ás 19.45h, as persoas que o desexen poderán conversar co mestre no “Conversando con… Nicolas Altstaedt” que se celebrará na Sala Mozart do Auditorio de Galicia antes do concerto.

Un aclamado director e violoncello
O violoncellista francoalemán Nicolas Altstaedt é un dos artistas máis demandados e versátiles da actualidade. Como solista, director de orquestra e director artístico, as súas fascinantes interpretacións cativan ao público cun repertorio que abarca desde a música antiga ata a contemporánea e emprega instrumentos orixinais e modernos.

A súa tempada 21/22 inclúe debuts coas orquestras filarmónicas de Londres e Múnic, Sinfónica da Radio de Baviera, RAI Torino, Royal Liverpool Philharmonic, Orquestra Nacional de España e xiras con l’Orchestre des Champs-Elysées e Philippe Herreweghe, coa Junge Deutsche Philharmonie e Dmitri Slobodeniouk e unha nova invitación coa Filarmónica de Róterdan e a Orquestra Sinfónica da NHK.

Na tempada 2019/2020 foi Artista en Residencia na SWR Symphonie Orchestra con Teodor Currentzis e Artista Destacado na Alte Oper de Frankfurt. Así mesmo destacaron a súa xira coa B’Rock e René Jacobs e os seus debuts coa Orquestra Sinfónica Nacional de Washington e Ed Gardner e coa NHK e a Orquestra Sinfónica Yomiuri no Suntory Hall. Na tempada 17/18, Nicolas Altstaedt ofreceu a aclamada estrea en Finlandia do Concerto para violoncelo de Esa-Pekka Salonen baixo a batuta do compositor no Festival de Helsinqui, e foi “Artista en primeiro plano” no Concertgebouw de Ámsterdam.

Altstaedt actúa con asiduidade coas orquestras internacionais máis renomeadas, como a Filarmónica de Viena, Tonhalle de Zúric, Filarmónica de Radio France, Nacional de Francia e todas as orquestras da BBC xunto a directores como Gustavo Dudamel, Sir Roger Norrington, Lahav Shani, François-Xavier Roth, Robin Ticciati, así como con orquestras de criterios historicamente informados como “Il Giardino Armonico” con Giovanni Antonini, Andrea Marcon e Jonathan Cohen.

Como director, traballa en estreita colaboración coa Orquestra de Cámara de Escocia e nas últimas tempadas dirixiu ás orquestras de cámara SWR, Radio France, Aurora e Múnic.

Entradas á venda
As entradas para asistir ao concerto de Santiago de Compostela atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 15€ e nas oficinas do Círculo das Artes de Lugo para o concerto do venres.