O programa comezará coa Abertura “Unha vida polo Zar” de Mijaíl Glinka. A continuación soará o Concerto para violín núm. 1 de Henryk Wieniawski, que interpretará o violinista Robert Lakatos. Ambos os concertos concluirán cunha obra pouco habitual nas programacións orquestrais, a Sinfonía núm. 1 de Vasili Kalinnikov.
O violinista serbio Robert Lakatos comezou os seus estudos musicais aos sete anos na súa localidade natal, Novi Sad. Foi o estudante máis novo en licenciarse na Academia de Artes de Novi Sad. Continuou a súa formación na Universidade das Artes de Zúric, onde recibiu unha bolsa da Swiss Lyra Foundation para músicos excepcionalmente dotados. Na actualidade desenvolve a súa carreira como solista e músico de cámara en Europa, Israel e Estados Unidos. É ademais profesor de violín na Academia das Artes de Novi Sad.
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Manuel Hernández-Silva. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.