Luz Casal cantará coa Real Filharmonía de Galicia no Obradoiro

Luz Casal é unha das artistas máis recoñecidas do panorama musical do noso país e tamén no eido internacional. O 21 de xullo, ás 21.30 horas, unirá a súa voz aos instrumentos da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel, na que será unha suxerente experiencia musical. A Praza do Obradoiro servirá de marco emblemático a este concerto.

A cantante e compositora, que estará acompañada da súa banda, fará un percorrido por algúns dos seus temas máis populares, arranxados por César Guerrero. Soarán cancións como Historia de un amor, Entre mis recuerdos, No me importa nada, Un nuevo día brillará, Besaré el suelo, Te dejé marchar ou Pedazo de cielo, entre outras.

As portas do concerto abriranse unha hora e media antes do mesmo, a partir das 20.00 horas. Seguindo a normativa COVID actual, o aforo permitido será de 1200 persoas. Ademais, o concerto será retransmitido para todo o mundo vía streaming a través de www.cultura.gal. As entradas xa están esgotadas.

Corenta anos de éxitos

O primeiro álbum de Luz Casal publicouse no ano 1982, con sons ata entón inéditos no eido musical español. Axiña conseguiu conquistar unha marcada individualidade nun xénero que aínda aceptaba con reticencia ás mulleres.

En 1989 editouse Luz V, con temas como Loca, Te dejé marchar e No me importa nada, cunha repercusión de tal calibre que ninguén dubidaba xa de que era a solista española por excelencia. Foi entón cando aceptou a proposición de Pedro Almodóvar, que lle ofreceu interpretar dúas cancións na súa nova película, Tacones lejanos: Piensa en mí e Un año de amor.

En 2000 publicou Un mar de confianza, cunha Luz máis serea e fonda, repleta de matices. A partir de 2002 dedicouse a reforzar a súa carreira internacional, ao tempo que continúa a súa relación co cine, gañando xunto a Pablo Guerrero o Goya á mellor canción polo tema que compuxeron para o filme El bosque animado; e Alejandro Amenábar inclúe a súa versión de Negra sombra de Rosalía de Castro na oscarizada Mar adentro.

Os últimos anos supuxeron para a artista unha vertixinosa sucesión de recoñecementos: o Premio Rolling Stone por unha vida dedicada ao rock, o Grammy Latino honorífico, a Medalla das Artes de Francia ou o Premio Nacional de Músicas Actuales.