Lars Vogt interpreta a Beethoven ao piano

A Real Filharmonía de Galicia celebra dous concertos esta semana. O primeiro será o xoves 3 no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres 4 a orquestra desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación da cidade, ás 20:00 horas, froito da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. Ambos os concertos estarán dirixidos polo mestre e pianista Lars Vogt. As entradas para o de Santiago están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal.

Para poder acceder ao Auditorio de Galicia é necesario presentar certificado Covid (ou PCR ou test de antíxenos negativos), tal e como dispón a normativa vixente ante a situación epidemiolóxica derivada da pandemia da COVID-19.

Este concerto, que no caso de Santiago se ofrece no marco do Ciclo de Piano Ángel Brage, leva por título Arredor do piano. É unha homenaxe a Beethoven, coa interpretación de dúas das súas grandes obras: a Sinfonía núm. 8 e o Concerto para piano núm. 5, coñecido como “Emperador”, que tocará o propio Lars Vogt.

O director e pianista Lars Vogt

O pianista Lars Vogt consagrouse como un dos músicos máis recoñecidos da súa xeración. Nacido na cidade alemá de Düren en 1970, chamou por primeira vez a atención do público cando aos seus 20 anos obtivo o segundo premio do Concurso Internacional de Piano de Leeds en 1990. Desde entón gozou dunha intensa carreira de máis de 30 anos.

Complementando a súa carreira como pianista, traballa de forma regular como director de orquestra, asumindo o cargo de Director Musical da Orquestra de Cámara de París en 2020. É ademais Principal Artistic Partner da Royal Northern Sinfonia, tras un exitoso período de cinco anos á fronte da institución como Director Musical.