Joana Carneiro dirixe Xemas Preciosas, segundo concerto da temporada da Real Filharmonía

A acordeonista galega Helena Sousa Estévez interpretará o concerto de acordeón do gran Richard Galliano

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este xoves 20 no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e venres 21 no Teatro Afundación en Vigo o segundo programa da súa temporada ‘Escoitar o Mundo’ que levará por título Xemas Preciosas e que estará dirixido pola principal directora convidada, Joana Carneiro. Tamén contará coa acordeonista galega Helena Sousa Estévez como solista.

Para este concerto, dentro do “mini festival” adicado a Beethoven proposto polo director artístico da Filharmonía, o mestre Paul Daniel, ofrecerase a primeira sinfonía do compositor alemán dirixida por Joana Carneiro. Ademais, a acordeonista galega Helena Sousa Estévez interpretará o concerto de acordeón do gran Richard Galliano. A velada incluirá tamén as obras Anxiety, de Five Tangos Sensations do compositor arxentino Astor Piazzola e a Suite Pulcinella, de Igor Stravinsky.

Joana Carneiro e Helena Sousa
Para este concerto, a Real Filharmonía de Galicia contará con dúas mulleres como protagonistas. A principal directora convidada da orquestra da capital de Galicia, Joana Carneiro, será quen leve a batuta e deleite o público presente. Carneiro é tamén directora artística da Estágio Gulbenkian para Orquestra desde 2013 e foi directora principal da Orquestra Sinfónica Portuguesa do Teatro Sao Carlos de Lisboa desde 2014 ata xaneiro deste ano.

Pola súa parte, para este concerto contarase tamén con Helena Sousa Estévez, acordeonista profesional ourensá que abarca varios estilos de música. Está especializada no mundo da clásica contemporánea e participou en diferentes proxectos e festivais tanto galegos como de toda Europa.

Entradas á venda
Para o concerto do xoves no Auditorio de Galicia as entradas están dispoñibles a través da web compostelacultura.com a un prezo de 18€ e para o concerto do venres no Teatro Afundación de Vigo pódense mercar a través da web ataquilla.com ao mesmo prezo.