Joana Carneiro dirixe á Real Filharmonía de Galicia nun concerto no que actuará a soprano María Hinojosa Montenegro

O concerto, que leva por título 'Iluminacións', conterá obras de Benjamin Britten e Gustav Mahler

Será o xoves 9 no Auditorio de Galicia de Santiago e o venres 10 no Teatro Afundación de Vigo

A Real Filharmonía de Galicia regresa esta semana aos escenarios cun novo concerto da súa temporada de abono ‘Escoitar o Mundo’. Tras os tres concertos didácticos de ‘Xogo de Espellos’ ofrecidos a pasada semana, nesta ocasión trae a escena un concerto que levará por título ‘Iluminacións’ e que terá dobre protagonismo feminino.

Neste concerto, a principal directora convidada da Filharmonía, Joana Carneiro, dirixe un programa coa soprano María Hinojosa Montenegro na que cantará Les Illuminations, op. 18 de Benjamin Britten e a Sinfonía núm. 4 en Sol maior de Gustav Mahler.

O concerto ofrecerase o xoves, 9 de febreiro ás 20.30h, no Auditorio de Galicia de Santiago, e tamén par ao público vigués no Teatro Afundación da cidade olívica o venres 10 ás 20h.

María Hinojosa Montenegro
Esta actuación suporá o regreso coa Real Filharmonía de Galicia da soprano María Hinojosa Montenegro, quen foi a protagonista da ópera cómica de Fernando Buíde ‘A Sombra de Cristal’ que estreou a orquestra galega en decembro de 2021. A obra, con texto e dirección artística de Quico Cadaval, foi un encargo da RFG e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.

Tamén volverá dirixir a principal directora convidada da orquestra, Joana Carneiro, quen levará a batuta da Filharmonía por segunda vez esta temporada nos escenarios galegos. Carneiro é ademais directora titular da Orquestra Sinfónica Portuguesa no Teatro Sao Carlos de Lisboa e directora artística do Estagio Gulgbenkian par Orquestra desde 2013.

Entradas á venda
Para o concerto do xoves no Auditorio de Galicia as entradas están á venda a través da web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes habituais a un prezo de 18€, mentres que para o do venres en Vigo as entradas véndense na plataforma Ataquilla, dispoñibles a partir de 6,30€.