Jaume Santonja dirixe á Real Filharmonía de Galicia con Alexandra Dariescu como pianista solista

O programa inclúe obras de Jörg Widmann, Edvard Grieg e Jean Sibelius

A Real FIlharmonía de Galicia ofrecerá os vindeiros xoves 16 e venres 17 no Auditorio de Galicia de Santiago e no Auditorio de Ferrol, respectivamente, un novo concerto da súa temporada ‘Escoitar o Mundo’, que levará por título ‘Novidades’.

O programa destes dous eventos estará dirixido polo mestre Jaume Santonja e contará como pianista solista con Alexandra Dariescu. Interpretarase a versión reducida de 2013 de Con brio, de Jörg Widmann; o Concerto para piano en La menor, op. 16 de Edvard Grieg e na segunda parte a Sinfonía nº5 en Si b maior, op. 82 de Jean Sibelius.

Tanto o xoves como o venres o espectáculo dará comezo ás 20.30h. O xoves ademais, previo ao recital no Auditorio de Galicia, quen o desexe poderá escoitar e propoñer preguntas ao mestre Santonja nunha nova edición de ‘Conversando con’, onde a Real Filharmonía ofrece a posibilidade ao público asistente de falar cos convidados da orquestra.

Santonja e Dariescu
Para esta dobre cita, a Real Filharmonía de Galicia contará coa dirección de Jaume Santonja, quen vén de ser anunciado como Principal Director convidado da Orquestra sinfónica de Milán despois de dúas temporadas como director asociado da Euskadiko Orkestra. Tamén colabora habitualmente como director convidado das principais orquestras de España e do resto de Europa.

A romanesa Alexandra Dariescu, pola súa parte, é creadora de ‘O Crebanoces e eu’, e entre os seus valores están os de promover a igualdade de xénero tanto nos seus programas de concertos como de recitais, así como defender obras menos coñecidas, avogando pola diversidade e a inclusión. É unha pianista moi solicitada como solista por orquestras de Europa, Norte América e Australia.

Entradas á venda
Tanto para o espectáculo de Santiago como para o de Ferrol hai entradas á venda a través das canles habituais. Para o da capital galega véndense a través do portal de venda de entradas Compostela Cultura, así como a Zona C e o despacho de billetes. Para o da cidade departamental a venda faise a través de Ataquilla. O prezo para ambos é de 15€.