Integrantes RFG

A  Real Filharmonía de Galicia, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está integrada por cincuenta profesionais de 17 nacionalidades diferentes. Cada un deles achega a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión ao conxunto da orquestra. 

VIOLÍNS I

Concertino Honorario da Orquestra Sinfónica de Oporto, violín primeiro e profesor na Sun Valley Summer Symphony, estudou con Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco. Logo de traballar durante cinco anos coa Orquestra da Ópera de San Francisco, aceptou o posto de concertino na Orquestra Metropolitana de Lisboa e máis tarde o de concertino asociado na Orquesta Ciudad de Granada. Tras chegar a Europa, traballou tamén como concertino convidado da London Philharmonic Orchestra, Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, Ulster Orchestra e a New Zealand Symphony Orchestra, entre outras.

Foi premiado no concurso internacional María Canals en Barcelona. É profesor de violín e da clase de posgrao de Preparación para Audicións na Escola de Altos Estudos Musicais, en Santiago de Compostela, e ocupa o posto de concertino da Real Filharmonía de Galicia desde o ano 2005. Mantén unha axenda moi activa, actuando como solista e en formacións de música de cámara.

Estudou na Universidade de Música de Bucarest co profesor Stefan Gheorghiu. Entre 1990-1996 tocou na Orquestra Filharmónica “George Enescu” de Bucarest e foi profesora na Universidade de Música da mesma cidade. Durante o período 2007-2011 foi agregada cultural na Embaixada de Romanía en Berlín.

Realiza concertos como solista coa Orquestra da Radiodifusión Romanesa e coa Orquestra Nacional de Liban. Toca música de cámara para violín e piano co pianista Cristian Petrescu (Berlín) e co “Amati Ensamble” en Bucarest, Berlín, París e Maastricht. É profesora de violín  na  Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela e ocupa o posto de axuda de concertino na Real Filharmonía de Galicia desde 1996.

Naceu en Budapest e realizou os seus estudos superiores na Academia de Música Ferenc Liszt da súa cidade natal; graduouse no ano 1995 como Profesora de Teoría da Música e Directora de Coro e en 1996 obtivo o Título Superior de Violinista e Profesora de Violín. Está en posesión de estudos doutros instrumentos secundarios como o piano e a viola.

Traballou na Orquestra de Cámara de Ferenc Liszt de Budapest como axudante de concertino, no cuarteto de corda Laszló Lajtha, na Orquestra Sinfónica Ferenc Liszt de Budapest como concertino, na Orquestra Sinfónica Ernö Dohnányi como concertista e en distintas ocasións como solista. Coas diferentes agrupacións musicais realizou xiras por Alemaña, Francia, España, Austria, República Checa e Italia. Ademais, co cuarteto de corda Laszló Lajtha fixo varias gravacións coa compañía Naxos. Desde 1996 é membro da Real Filharmonía de Galicia e desde o ano 2001 é profesora de violín e música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais. Actuou como solista coa RFG baixo a dirección de Paul Daniel en 2008, e interpretou o 2º Concerto para violín de Béla Bartók con Antoni Ros Marbà en 2010.

Naceu en 1970 en San Petersburgo (Rusia). Empezou os seus estudos na Escola de Música da súa cidade natal cos profesores Yaruskina S. G. e Pertsovskaya A. I.. De 1986  a 1995 estudou no  Conservatorio Estatal de N. A. Rimsky-Korsakov de San Petersburgo cos profesores Zaitseva E. I., Paulavichus A. R., Stang A. G., Shafran E. A., entre outros.

En 1991 entrou na Orquestra Sinfónica da Capela Académica Estatal de M. I. Glinka de San Petersburgo. Desde o ano 1994 ata 2001 tocou na Orquestra Sinfónica de Galicia. Desde 2001 ata a actualidade traballa na Real Filharmonía de Galicia no grupo de primeiros violíns. Durante o seu período de formación e posteriores anos de traballo en diferentes orquestras realizou  numerosas xiras  por todo o mundo, á vez que participou en moitos concertos de cámara. En 2009 tocou como solista xunto a Ildikó Oltai coa RFG baixo a batuta do Mestre Paul Daniel.

Ilya Fisher naceu en Rusia. Rematou os seus estudos, tantos os superiores como os de posgrao, no Conservatorio Estatal de Nizhny Nóvgorod M. Glinka no ano 1995. Foi membro da Orquestra Sinfónica Académica da Sociedade Filharmónica de Nizhny Nóvgorod. Despois formou parte da Orquestra de Cámara Municipal de Nizhny Nóvgorod como concertino. Foi docente da Cátedra de Corda no Conservatorio Estatal de Nizhny Nóvgorod M. Glinka.

Desde o ano 2000 vive en España. Na actualidade é membro da Real Filharmonía de Galicia e profesor de violín do Conservatorio Profesional de Música Contrapunto Histórico de Santiago de Compostela.

É un representante clásico da escola rusa de violín. Iniciou a súa formación na Escola Especial de Música do Conservatorio Estatal de San Petersburgo, continuando no Conservatorio Estatal de San Petersburgo (catedráticas E. Komarova e A. Kazarina), onde foi aceptado sen exames de proba, ao ser un dos tres violinistas máis destacados do seu curso. Nesa mesma época decidiu ampliar as súas metas artísticas aprendendo dos mestres europeos (K. Hulsman, H. Krebers e D. Schwarzberg, entre outros) e compaxinou os seus estudos en Rusia co Prins Claus Conservatorio e posteriormente o Conservatorio Real da Haia (Holanda).

Nace en Kishinev. Comezou a súa formación na Escola de Música da súa cidade natal e no Conservatorio Superior Estatal M. I. Glinka de Nizhny Nóvgorod (Rusia), onde se graduó con honra. Recibiu clases dos profesores K. Paráskiv, E. Nasúshkin, S. Yaroshévich e S. Propistchán. Ademais, foi bolseira do Ministerio de Cultura de Rusia. En 1993 foi laureada no Noveno Concurso Nacional de Violín de Rusia.

Continuou os seus estudos coa profesora Rosa Fain na Academia de Música R. Schumann en Dusseldorf (Alemaña), onde obtivo o máster coas máis altas cualificacións, e despois o “Konzertexamen” (Diploma de solista). Desenvolveu a súa carreira como solista actuando con Filharmónica de Nizhny Nóvgorod, Fihlarmónica de Vorónezh, Orquestra de Cámara municipal de Nizhny Nóvgorod, Deutsche Kammerakademie Neuss am Rhein… Ofreceu varios recitais en cidades de Rusia, Moldavia e Alemaña. Mentres cursaba os seus estudos en Alemaña, foi membro da Deutsche Kammerakademie dirixida por Johannes Goritzky. Neste tempo tocou numerosos concertos en varias salas de Europa e América como Tivolli de Copenhagen, Ópera de Berlín, Musikverein de Viena, Ópera de Frankfurt, a Sala Gürzenich en Colonia…

Actualmente é violinista da Real Filharmonía de Galicia. Leva 20 anos desenvolvendo a súa carreira pedagóxica.

Desde o ano 2008 é violinista da Real Filharmonía de Galicia. Naceu en Łódź (Polonia), onde iniciou as súas primeiras clases de violín á idade de seis anos coa súa nai. Continuou os seus estudos musicais na Universidade, onde se licenciou con Matrícula de Honra no ano 2004 cos profesores Zenon Ploszaj e Iwona Wojciechowska. Este mesmo ano trasladouse a Alemaña, onde na Hochschule für Musik und Theater Rostock continuou os seus estudos superiores Konzertexamen da man da profesora Christiane Hutcap.

Tivo a oportunidade de recibir clases de grandes profesores de nivel internacional como: Igor Ozim, Igor Oistrakh, Yair Kless, Wolfgang Marschner, Petru Munteanu, entre outros. En 1996 traballou no festival “Outono de Varsovia”, con dous dos directores polacos con máis proxección internacional (Jerzy Maksymiuk e Jacek Kaspszyk) e foi este o inicio da súa dilatada experiencia orquestral, colaborando en diversas orquestras polacas (Gran Opera de Łódź e Filarmónica de Łódź Arthur Rubinstein) e alemás (Rias Jugendorchester, Interregionalen Jugendsinfonieorchester, Klassische Philharmonie Bonn). Desde o ano 2007 reside en España, onde traballou coa Orquestra Palau de les Arts Reina Sofía en Valencia e a Orquesta Sinfónica de Bilbao.

VIOLÍNS II

Naceu en Tokio (Xapón). Empezou a tocar o violín con 4 anos. Estudou no instituto de música de Toho Gakuen e diplomouse no Toho Gakuen College en Tokio. Continuou co máster en música de cámara coa pianista francesa Enriet Puig Roget. Despois traballou como profesora asistente na clase de I. Nodaira (compositor e pianista) na mesma escola. Gañou o premio do xurado co trío Benesonus no festival de música contemporánea de Tokio. En 1995 continuou os seus estudos co máster de perfeccionamento do Conservatorio Nacional da Música de Lyon co violinista húngaro P. Csaba.

En 1999 entrou na Real Filharmonía de Galicia. En Santiago deu un concerto de sonatas de violín de Beethoven coa pianista Haruna Takebe na sala Paraninfo. No Hostal dos Reis Católicos ofreceu un concerto benéfico polo terremoto de Fukushima do ano 2011. Fixo varias gravacións de obras de cancións galegas arranxadas por A. Morán co Cuarteto Egeria para a Televisión de Galicia.

Na actualidade é membro do Cuarteto Rosaría. Tamén lle interesa o jazz e estudou teoría de música moderna e improvisación con J. Atanes, jazz piano con A. Susavila e o combo (quinteto) con J. Nine na escola de jazz Estudio.

“Elina posúe unha técnica impecable, musicalidade e dominio dos estilos, como tamén unha imaxinación inmensa para revelar as ideas musicais. Especialmente gustaríame subliñar o colorido e a variedade do seu son. A súa cálida sensibilidade sempre atraeu a plena atención do público…” -Andris Vecumnieks-

Nacida en Riga (Letonia), comeza os seus estudos de violín aos cinco anos da man da súa nai, Inara Vecbastika. Desde 1987 prosegue a súa formación na Escola de Música de Emils Darzins, en Riga, coa profesora Dace Berzaja. Realiza cursos de violín e música de cámara cos mestres Sylvie Gazeau e Giorgiu Fedorenko.

Entre os seus premios destacan: Grand Prix no Balys Dvarionas II Internacional Competition of Young Pianists and Violinists en Vilnius (Lituania) e Diploma pola mellor interpretación da música Barroca, Primeiro Premio no Concurso Nacional de Letonia, Primeiro Premio no Concurso Internacional de Letonia, Primeiro Premio no Concurso Internacional “Villa de Sahagún” en Sahagún e Terceiro Premio no II Concurso Internacional de Música de Cámara “Guadamora” en Pozoblanco.

É fundadora da Asociación Compostela Sound, desempeñando o cargo de presidenta. É integrante da Real Filharmonía de Galicia desde o ano 2006.

 

VIOLAS

Naceu e estudou en Ekaterinburgo, Rusia, onde no ano 1993 obtivo o título superior con honras no Conservatorio Estatal dos Urais. Empezou a súa carreira profesional na Orquestra Filharmónica dos Urais, foi membro da Nova Orquestra Gustav Mahler baixo a dirección de Claudio Abbado, formou parte da Orquestra de Moscova baixo a dirección de R. Freisitzer, como coprincipal da sección de violas e foi integrante da Orquestra de Cámara de Moscova Kremlin, dirixida por M. Rajlevsky. Despois traballou na Orquestra Sinfónica de Galicia e desde 1999 e atA a actualidade é coprincipal da sección de violas da Real Filharmonía de Galicia e profesora da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago de Compostela.

Iriana nace en León en 1984. Comeza a tocar a viola á idade de oito anos no Conservatorio Profesional de Música de León. Rematados os ensinos medios, inicia en Oviedo o grao superior de viola baixo a tutela de Luís M. Muñiz e Igor Suliga. Nesta etapa participa como membro da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), a Orquesta Oviedo Filarmonía  e  a orquestra de cámara da Fundación Príncipe Felipe de Oviedo, entre outras.

En 2008 trasládase a Alemaña para cursar un Máster Profesional Performance na Folkwang Universität der Künste en Essen, co profesor de viola  Emile Cantor e o profesor de música de cámara Andreas Reiner. Dos estudos de música de cámara nace o quinteto de corda con piano “César Ensemble”, co que participa en numerosos festivais tanto en España como en Alemaña.

Posteriormente cursa un Máster de Especialización Orquestral co profesor Jürgen Kussmaul na Robert Schumann Hochschule de Düsseldorf. Participa como viola convidada das orquestras de Essen, Dortmund, Duisburg, Osnabrück, Münster, Hagen, Flensburg ou Koblenz,  ao mesmo tempo que desenvolve o seu labor profesional coa  orquestra Bochumer Symphonker. Desde abril de 2016 é membro da Real Filharmonía de Galicia como viola tutti.

Naceu en Kazan, Rusia, e con só 6 anos empezou a súa formación musical, que rematou aos 24 no Conservatorio Estatal da súa cidade natal coas máis altas cualificacións. Foi viola principal na Orquestra Sinfónica Estudantil durante tres anos baixo a dirección de F. Mansurov, formou parte da Orquestra de Cámara A Primavera e foi coprincipal da Orquestra Filarmónica, ambas as dúas en Kazan. Foi membro da Gustav Mahler Jugend Orchester, baixo a dirección de Claudio Abbado, R. Chailly e Sir N. Mariner. Anos despois entrou na Orquestra de Moscova como coprincipal na sección de primeiros violíns baixo a dirección de R. Freisitzer; traballou na Orquestra Sinfónica Estatal baixo a dirección de E. Svetlanov e colaborou na Orquestra Sinfónica de Radio Estatal Rusa na sección de violíns dirixido por V. Fedoseev.

Colaborou en varias ocasións coa Orquesta de RTVE, Orquestra Sinfónica de Galicia e Orquesta Sinfónica de Castilla y León. Participou no Festival Via Stellae en 2009 e 2010. Nos últimos anos participou en proxectos de música de cámara organizados polo Auditorio de Galicia e a Universidade de Santiago, ofrecendo concertos en distintas cidades galegas. Tamén traballou como docente impartindo varias masterclass en diversas escolas de música.

VIOLONCELLOS

Nace na Coruña en 1973. Aos 11 anos iníciase na práctica do violoncello con Ignacio Alonso. En 1996 trasládase a Holanda para formarse no Real Conservatorio da Haia, graduándose en 2000. Entre os seus mestres destacan os violoncellistas Lito Iglesias, Dalibor Sebestik, Gregor Hosch, Monique Bartels e Antoine Ladrette (interpretación histórica).

Recibiu bolsas da Fundación Barrié de la Maza, Deputación da Coruña e Fundación Caixa Galicia e formou parte da Xoven Orquestra de Galicia, Orquesta Joven de la OSG, Schleswig-Holstein Musik Akademie Orchester e do Grupo de Cámara In Itinere da USC. En 2001 ingresa na Real Filharmonía de Galicia, coa que ten actuado en diversas cidades e escenarios de Galicia e do resto de España, Francia, Portugal, Austria, Arxentina, Brasil, Cuba…

Foi un dos cofundadores da Asociación de Violoncellistas de Galicia Soncello. Activo instrumentista no eido da interpretación histórica con instrumentos de época, ten colaborado con diversos grupos como Alio Modo, Il Combattimento, Americantiga, Ensemble Los Elementos e principalmente Ars Combinatoria. É membro fundador do Cuarteto Alicerce. Ademais, é profesor e colaborador da Orquestra da Universidade de Santiago. 

CONTRABAIXOS

Comeza a súa formación musical coa frauta traveseira, recibindo o Primeiro Premio de Honra no Conservatorio Superior de Música de San Sebastián. Logo obtén o título superior de contrabaixo e perfecciónase con J. M. Rollez, E. Kawahara, T. Martin, M. Sagat, F. Sala, A. G. Araque; formándose tamén na Escuela Superior de Música Reina Sofía con L. Streicher.

Foi profesor na Joven Orquesta Nacional de España, Joven Orquesta Nacional de Cataluña, Orquesta de las Escuelas Municipales de Cataluña, Orquesta Joven de Extremadura, Conservatori Superior de Música de les Illes Balears. Forma parte do Corpo Nacional de Profesores de Música e Artes Escénicas, é profesor da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e organiza o Festival de contrabaixo “Ludwig Streicher”.

Ofreceu varios recitais de contrabaixo solo e con piano. Foi dedicatario da Partita para contrabajo solo de J. L. Turina ou as Variaciones sobre un tema de Paganini para cb solo, op. 79 de J. Durán. É integrante de Vertixe Sonora Ensemble e Contrabaixo Principal da Real Filharmonía de Galicia desde 1996.

FRAUTAS
ÓBOES
CLARINETES

Formouse na Universidade Mozarteum de Salzburgo con Alois Brandhofer (exsolista da Berliner Philharmoniker) e Cordelia Höfer-Teusch en música de cámara. Alumna de J. V. Herrera, ten recibido ademais valiosos consellos de A. Prinz, A. Marriner, R. Wieser, K. Thunemann, R. Vlatkovic, J. Zoon, H. Schellenberger, entre outros.

Gañadora de diversos concursos na especialidade de clarinete e música de cámara en España, Italia e Austria, funda no ano 2004 o Pamina Trío, co que realiza diversas xiras por Europa e Xapón e en 2006 publica o seu primeiro disco co selo La má de Guido. Colabora ademais con orquestras como Mozarteum Orchester Salzburg, Orquesta de Valencia, Orquesta de la RTVE, Oviedo Filarmonía ou Sinfónica de Galicia; baixo a batuta de directores como Ivor Bolton, Mark Wigglesworth, Dennis Runnicles ou Hans Graf, entre outros. Na actualidade é clarinete principal da Real Filharmonía de Galicia e membro desde a súa formación do Airas Ensemble.

Nace en Gandía (Valencia) e estuda no Conservatorio Superior de Música da súa cidade natal, diplomándose en clarinete con Matrícula de Honra. Continúa no Conservatorio Nacional de Música de París con Guy Deplus e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid con José Vicente Peñarrocha, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira. Obtén o Diploma de Concertista na Hochshule des Sarlandes für Musik und Theater de Saarbrücken (Alemaña) con Eduard Brunner, logrando as máis altas cualificacións.

Foi galardoado en diferentes concursos internacionais como o VI Concurso Internacional de Clarinete Ciudad de Dos Hermanas (Sevilla) ou no Concurso Internacional Karl Maria Von Weber (Múnic). Foi membro da European Community Youth Orchestra durante catro anos, actuando con directores como Claudio Abbado, Bernard Haitink, Kurt Sanderling ou Vladimir Ashkenazy. Ademais, colaborou con diversas orquestras como a Sinfónica de Madrid, Ciutat de Barcelona, a de Cámara Reina Sofía e realizou numerosos concertos en España e no estranxeiro. En 1989 consegue a praza de profesor numerario de clarinete, obtendo o número uno da oposición. Desde a súa fundación en 1996 é clarinete coprincipal da Real Filharmonía de Galicia. 

FAGOTES
TROMPAS

Comeza os seus estudos musicais na Sociedad Unión Musical de Benimodo (Valencia), a súa localidade natal, sendo o seu profesor Juan A. Boronat. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música “Joaquín Rodrigo” de Valencia e posteriormente amplía a súa formación en Alemaña co profesor Eric Terwilliger (trompa solista da Orquestra Sinfónica da Radio de Baviera). Comeza o seu labor profesional coincidindo coa creación da Real Filharmonía de Galicia, primeiro como trompa coprincipal e posteriormente como trompa principal, posto que desempeña actualmente.

No ano 2006 interpreta xunto á Real Filharmonía de Galicia e coa dirección de Maximino Zumalave o Concierto “Mondariz” para trompa y orquesta de Juan Durán. No ano 2016 interpreta o Concerto para trompa e orquestra nº 3 de W. A. Mozart coa dirección de Christoph König. O seu labor pedagóxico desenvólveo principalmente na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e tamén participa asiduamente en cursos de especialización de trompa e en encontros musicais de orquestras. É membro fundador do grupo “Filhartrompía Quartet”, co que gravou o disco titulado “All4horn”. Na actualidade é artista Stomvi e toca coa trompa Stomvi Modelo TITAN 6.

Natural de Lalín, estuda na Escuela Superior de Música Reina Sofía con Rodolfo Epelde e Radovan Vlatkovic. Gaña o primeiro premio no ?”X Concurso Nacional Ciutat de Xátiva” en Valencia.

Tocou na European Union Youth Orchestra, West-Eastern-Divan Orchestra, Orchestre Philharmonique de Nice, Staatsorchester Rheinische Philharmonie; baixo a batuta de Lorin Maazel, Zubin Mehta, Daniel Barenboim, Vladimir Ashkenazy, Paavo Jarvi e Jean Pascal Tortelier, respectivamente.

Traballou como profesor no Conservatorio Profesional de Música de Lalín e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. É trompa principal da Real Filharmonía de Galicia desde 2005. Ademais, é membro do Taller Atlántico Contemporáneo, do Airas Ensemble, Filhartrompía Quartet e do European Chamber Players (Viena).

TROMPETAS

Desde xaneiro de 2001 é trompeta coprincipal da Real Filharmonía de Galicia, ano nov que obtivo tambén o Título Superior de Trompeta no Conservatorio Superior de Música de Valencia coas máis altas cualificacións, así como o premio de Honra Final de Carreira. Posteriormente ampliou os seus estudos na Musikhögskolan i Malmö (Suecia) con Hakan Hardenberger e Bo Nilson. Tamén recibiu clases de trompeta con Javier Simó, José Ibáñez, Pierre Thibaud, Leopoldo Vidal, Luís González, Michael Sachs, Tom Stevens e Max Sommerhalder. En 2014 obtén o Título de Máster en Servizos Culturais na Universidade de Santiago de Compostela.

Colaborou coa Orquesta Sinfónica de Madrid, Orquesta Ciudad de Granada, Orquesta Sinfónica del Principado de Asturias, Orquesta del Gran Teatre del Liceu e a Orquesta Sinfónica de Castilla y León, e colabora asiduamente co Taller Atlántico Contemporáneo.

TIMBAL