Estrea de “Un ollo de vidro” de Antón Alcalde

Paul Daniel dirixirá o concerto deste xoves, 25 de marzo, ás 20:00 horas no Auditorio de Galicia. As entradas poden adquirirse na web www.compostelacultura.gal. Ademais, poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.

Baixo o título “A canción da terra”, a orquestra interpretará a obra homónima de Gustav Mahler (1860-1911), orquestrada por Iain Farrington. Contarase con dúas das voces máis destacadas do panorama lírico nacional, a mezzosoprano Marina Pardo e o tenor Andeka Gorrotxategi.

Apoio aos novos compositores galegos

Será ademais a estrea absoluta da obra Un ollo de vidro, que o compositor galego Antón Alcalde (Rianxo, 1992) escribiu por encargo da Real Filharmonía de Galicia, en liña co propósito da RFG de impulsar a novos compositores da comunidade e á creación contemporánea. Esta serie de encargos de temática galega conta co apoio do Xacobeo.

Tal como indica o compositor, a obra, cunha duración aproximada de trece minutos, toma o seu título do relato curto homónimo escrito por Castelao e publicado na editorial Céltiga en 1922. “Castelao describe en primeira persoa unha historia macabra, humorista e irónica co ‘máis alá’ como transfondo. Cada personaxe no relato describe á súa vez a un membro de cada categoría social da época, filtrados desde un prisma crítico e satírico. O status social define a súa preponderancia polos cartos, que é o elemento que dá e quita o poder, pero que no mundo do ‘máis alá’ resulta completamente estéril. Así, a morte remata por igualar á criada e ao cacique, ao rico home de negocios e á moza que morre por amor” -explica o compositor-.

“A obra está dedicada a Paul Daniel así como á Real Filharmonía de Galicia, escrita en memoria de Castelao como homenaxe ao eminente centenario da publicación de Un ollo de vidro” -destaca o novo compositor-.