Estrea da ópera cómica “A sombra de Cristal” de Fernando Buide e texto de Quico Cadaval

A Real Filharmonía de Galicia vai estrear a ópera cómica A sombra de Cristal de Fernando Buide, con texto e dirección escénica de Quico Cadaval, un encargo conxunto da RFG e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Será os días 9 e 10 de decembro, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia. Dirixida polo director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel, contará coas voces da soprano María Hinojosa, do barítono César San Martín e do actor Víctor Mosqueira -que fai de personaxe muda-. O concerto, que inclúe ademais La serva padrona de Pergolesi, está realizado en coprodución entre a RFG, Amigos da Ópera de Santiago e o Centro Dramático Galego; co apoio do Xacobeo 2021-2022. O día 9 poderá seguirse en streaming a través da canle de Youtube da Real Filharmonía de Galicia. As entradas xa están dispoñibles en www.compostelacultura.gal.

Desde a Asociación de Amigos da Ópera xurdiu a idea de realizar unha “versión” contemporánea e ambientada en Galicia da icónica ópera cómica La serva padrona de Pergolesi. A proposta foi acollida con entusiasmo pola Real Filharmonía de Galicia e o seu director titular, Paul Daniel. Así comezaba a historia deste ambicioso e orixinal proxecto.

“A sombra de Cristal”, un xogo de espellos

A ópera de Fernando Buide conta a historia de Trocado, un conselleiro da Xunta de Galicia que ten ao seu cargo a Consellería de Harmonía e Innovación. Culto, sensible e tímido, teme os espazos abertos e os eventos multitudinarios e, ademais, é barítono. Por fortuna para el, conta coa protección de Cristal, a protagonista; é a súa xefa de prensa, creativa, moderna e visionaria, unha incomprendida na rutinaria actividade autonómica, ademais de soprano. Tamén está Marcial, o policía que coida da seguridade do conselleiro, un exmilitar de pasado heroico que se sente rebaixado a gardacostas.

Cristal ve como, unha e outra vez, os seus proxectos chocan coa desidia de Trocado, que se entrega á melomanía e ao hedonismo. Cristal tece, coa axuda de Marcial, un plan para rematar coa situación. Pero non conta con que Trocado, gran coñecedor da música barroca, detecta sorprendentes semellanzas entre as astucias de Cristal e o argumento de La serva padrona de Pergolesi.