Diego Martin-Etxebarria dirixe a Real Filharmonía de Galicia en Vigo e Santiago

O programa do concerto estará composto por dúas obras de Georges Bizet e unha de Germaine Tailleferre

A Real Filharmonía de Galicia regresa esta semana aos escenarios cun dobre concerto no Teatro Afundación de Vigo e no Auditorio de Galicia de Santiago que levará por título ‘París-Roma’. Serán o mércores 29 e o xoves 30, respectivamente, con Diego Martin-Etxebarria como director.

O programa do evento estará conformado por obras de dous compositores franceses. Abrirá e pechará o concerto Georges Bizet con Jeu d’enfants (Xogo de nenos) e a Sinfonía “Roma” e entre as dúas interpretarase o Ballet Marchand d’oiseaux (Vendedor de paxaros), da autora Germaine Tailleferre.

A primeira das actuacións, na cidade olívica, será o mércores ás 20:00h mentres que a da capital de Galicia será o xoves ás 20:30h.

Diego Martin-Etxebarria
Martin-Etxebarria é o principal director residente do Teatro da Ópera de Chemnitz (Alemaña) desde 2020 e foi principal director residente e videdirector musical xeral dos teatros de Krefeld e Mönchengladbach entre os anos 2016 e 2020.

O mestre vasco está considerado como un talento emerxente despois de gañar o Primeiro Premio, o Premio Hideo Saito e o Premio Asahi no Concurso de Dirección de Orquestra de Toquio en 2015.

Tamén destacan os seus convites con orquestras internacionais xaponesas, a Sinfónica Nacional de Colombia ou a Orquestra Filharmónica de Friburgo ou a Capella Sinfónica Estatal de San Petersburgo. Tamén dirixiu as principais orquestras do territorio español.

Entradas á venda
Para o recital no Teatro Afundación de Vigo as entradas están á venda a través da plataforma Ataquilla a un prezo que vai desde os 6,30€. Para o do xoves no Auditorio de Galicia os pases poden mercarse a través das canles habituais: a web de Compostela Cultura, a Zona C ou os despachos de billetes a un prezo de 15€.