Didácticos “O grande Beethoven”

A Real Filharmonía de Galicia está moi comprometida en achegar a orquestra e a música clásica ao público máis novo. Nesta liña, esta semana continúa a serie de concertos didácticos gratuítos iniciada o pasado mes de xaneiro. Nesta ocasión celebraranse un total de catro concertos para colexios, o mércores 16 ás 10:00 e ás 12:00 horas e o xoves 17, no mesmo horario.

Baixo o título “O grande Beethoven”, esta proposta diríxese especialmente a alumnado de 5º e 6º de Primaria. A través deste espectáculo relátase a historia do xenial compositor de Bonn, un auténtico revolucionario da historia da música, amosando algúns dos pequenos secretos da súa vida. Ensinarase ademais ao alumnado como funciona unha orquestra sinfónica.

Trátase dun proxecto realizado en colaboración co Serviço Educativo da Casa da Música de Porto con motivo do 250º aniversario do nacemento de Beethoven. A batuta levaraa o director portugués Jan Wierzba e contarase tamén no escenario coa intervención dos actores e músicos Sofia Nereida e António Miguel Teixeira.

Os concertos concluirán coa “Oda á Alegría”

O alumnado asistente a estes concertos terá a oportunidade de escoitar fragmentos de obras tan populares de Beethoven como as Sinfonías Primeira e Sexta (coñecida como “Pastoral”), a Abertura Coroliano ou Lied, concluíndo coa “Oda á Alegría” da Sinfonía nº 9 arranxada por Herbert von Karajan.