Comezamos a “viaxe” coa estrea de “Hildegart” de Juan Durán

A Real Filharmonía de Galicia arranca a súa temporada “Viaxes” o xoves 7 de outubro, ás 20:30 horas, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel. As entradas para o público non abonado estarán dispoñibles na web www.compostelacultura.gal o xoves pa partir das 11:00 horas. O concerto poderá seguirse en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG. E o venres repetirase no Auditorio de Ferrol, tamén ás 20:30 horas, froito da colaboración que a Real Filharmonía de Galicia mantén coa Sociedade Filharmónica Ferrolá.

Baixo o título Viaxeiras rebeldes, e dentro do propósito da Real Filharmonía de Galicia de difundir a música contemporánea, en particular a través do apoio a compositores galegos, será a estrea mundial da obra Hildegart (Ballet) de Juan Durán (Vigo, 1960). Trátase dun encargo da RFG en colaboración co Xacobeo 2021-2022. O concerto concluirá con fragmentos do ballet Cincenta de Serguéi Prokófiev (1891-1953), arranxado por Daryl Griffith.

A historia de Hildegart

Hildegart relata a historia da ferrolá Hildegart Rodríguez Carballeira (1914-1933). A súa proxenitora ideou un plan para ser nai solteira e que o seu vástago se erixise como salvador da humanidade. Someteuna a un réxime educativo intenso e severo. Aos once anos a nena xa era todo un prodixio e impartía conferencias sobre sexualidade e feminismo, converténdose nun referente en Europa. Cando Hildegart decide emanciparse a súa nai acaba coa súa vida, cando a moza tan só contaba 19 anos.

Charla previa con Paul Daniel e Juan Durán

Antes da celebración do concerto, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co mestre Paul Daniel e co compositor Juan Durán. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia “Convers@ndo con”, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.