Baixo o título Desde o Olimpo, en ambos os concertos achegaranse ao público varias arias de óperas tan recoñecidas da historia da música como Rinaldo de Haendel, Orfeo e Eurídice de Gluck e Ascanio en Alba de Mozart. Soarán na voz do contratenor galego Christian Gil-Borrelli. Interpretarase tamén a Abertura Egmont de Beethoven e a Sinfonía nº 41 “Xúpiter” de Mozart.
Christian Gil-Borrelli, un dos contratenores españois con maior proxección
Borrelli inicia a súa carreira musical na Universidade de Santiago, formando parte de varios grupos da escena musical local, onde estuda Medicina. Tras licenciarse trasládase a Madrid, formándose en canto no Conservatorio Profesional Arturo Soria. En 2016 aparca a súa carreira de médico para dedicarse por completo á música, ingresando na Escola Superior de Canto. Finalmente instálase en Alemaña para estudar coa mezzosoprano María José Montiel na prestixiosa Universidade das Artes de Berlín.
Foi galardoado co 1º Premio do certame Compostela Lírica (2020) que promove a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, o 2º premio do Concurso Internacional de Canto de Medinacelli e elixido polo director Gottfried von der Goltz para debutar no rol principal na ópera Alessandro de Haendel en Bamberg (Alemaña) xunto á Junge Deutsche Philharmonie. Ademais, formou parte da primeira xeración “Crecendo”, proxecto liderado polo Teatro Real que apoia a prometedores cantantes na súa emerxente carreira musical.