Baldur Brönnimann, galardoado co Premio de Cultura 2023 do Cantón de Basilea-Landschaft

O xurado do Premio recoñeceu o director polas súas décadas de experiencia na interpretación de grandes obras do século XX e XXI

O director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann, vén de ser recoñecido co ‘Kulturpreis Baselland’, Premio de Cultura 2023 do Cantón de Basilea-Landschaft (Suíza) na sección de Música. O galardón foi entregado este mércores nun acto público en Basilea pola responsable do Departamento de Educación, Cultura e Deporte do cantón, Monica Gschwind.

O xurado do Premio recoñeceu a Brönniman polas súas décadas de experiencia na interpretación de grandes obras do século XX e XXI e por ter sido responsable das estreas de numerosos compositores de renome do noso tempo. Segundo indican, “o traballo de Brönnimann caracterízase por unha mediación e comunicación musical integral e innovadora que fai que a música clásica sexa accesible e relevante ao mesmo tempo.

Xunto a Baldur, tamén foron recoñecidos Barbara Piatti na sección de Mediación Cultural, Jean-Paul Brodbeck, músico de jazz, tamén na sección de Música, e a escritora Rebekka Salm pola promoción da Literatura.

Todos os anos, o cantón de Basilea-Landschaft concede estes premios culturais, sectoriais e de promoción en recoñecemento de logros sobresaíntes no campo da arte contemporánea e as humanidades. Estes premios honran logros das persoas do mundo da cultura desta zona do país helvético e buscan promover un traballo cultural comprometido e de calidade.

Baldur Brönnimann é, desde xaneiro deste ano, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, con quen realizará un concerto extraordinario como máximo responsable o vindeiro día 15 de xuño no que dará a coñecer as chaves da vindeira temporada.