Avisos COVID

A Real Filharmonía de Galicia iniciará os seus vindeiros concertos de abono no seu horario habitual, as 20.30 horas, debido á ampliación do toque de queda ás 23:00 horas. Nos últimos meses tiñan lugar ás 20:00 horas para non dificultar a mobilidade dos asistentes ao Auditorio de Galicia.

Camille Thomas substitúe a Fazil Say

29/03/2021

O pianista Fazil Say cancela a súa participación prevista coa Real Filharmonía de Galicia para o 8 de abril, debido ás restricións nas viaxes internacionais. A obra que ía interpretar, Auga, composta por el mesmo, vaise substituír por Never Give Up (Nunca te rendas) do propio Say, para o que se contará coa colaboración da violoncellista Camille Thomas.

 

Cancelación dos concertos

27/01/2021

Con motivo das restricións sanitarias e seguindo o principio de máxima cautela, a Real Filharmonía de Galicia cancela todos os concertos -tanto no Auditorio de Galicia como por streaming- e toda a actividade que tiña prevista para as vindeiras tres semanas. Cada xoves, ás 20:30 horas, emitiranse concertos e gravacións de arquivo a través da súa canle de Youtube

Así, non se celebrará o concerto programado co director Felix Mildenberger para este xoves, 28 de xaneiro; tampouco se realizará a gravación do espectáculo didáctico “O grande Beethoven” a primeira semana de febreiro; os concertos co mestre Lars Vogt en Santiago e Ferrol dos días 11 e 12 de febreiro; e tamén se cancela o concerto coa nova principal directora convidada da RFG, a portuguesa Joana Carneiro, do 18 de febreiro.

Co fin de non perder o contacto co público, a Real Filharmomía de Galicia emitirá cada xoves, ás 20:30 horas, un concerto a través da súa canle de Youtube. Serán programas de concertos anteriores e unha selección de gravacións que a orquestra ten no seu arquivo. O primeiro terá lugar mañá xoves.

As persoas que mercaron unha entrada para o concerto desta semana xa recibiron automaticamente a devolución do importe correspondente.

 

Novos horarios dos concertos

25/01/2021

A Real Filharmonía de Galicia iniciará os seus vindeiros concertos de abono ás 20:00 horas en lugar de ás 20:30 h para que as restricións de mobilidade non afecten ao público que acode ao Auditorio de Galicia.

E o concerto do 25º aniversario, previsto para principios de marzo, celebrarase cando mellore a situación sanitaria.

 

Concertos en directo por streaming

4/01/2021

Co fin de chegar ao maior número posible de público, os 24 concertos que a Real Filharmonía de Galicia vai celebrar esta temporada na súa sede, o Auditorio de Galicia, serán retransmitidos en directo por streaming.

Youtube
Facebook
Plataforma Tolemias