A soprano Francesca Aspromonte canta “Laudate Pueri Dominum” de Vivaldi

A Real Filharmonía de Galicia celebra dous concertos esta semana. O primeiro será o xoves 10 no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. O venres 11 a orquestra desprazarase a Ferrol, onde actuará no Auditorio da cidade, tamén ás 20:30 horas, no marco da colaboración que a RFG mantén coa Sociedade Filharmónica Ferrolá. Ambos os concertos estarán dirixidos polo mestre Enrico Onofri.

As entradas para o concerto de Santiago están dispoñibles na web www.compostelacultura.gal. Para poder acceder ao Auditorio de Galicia cómpre presentar certificado Covid (ou PCR ou test de antíxenos negativos), tal e como dispón a normativa vixente ante a situación epidemiolóxica derivada da pandemia da COVID-19.

O programa, que leva por título Postal desde Venecia, propón un percorrido musical por Italia, comezando co Concerto “Per Parigi” de Antonio Vivaldi. Do mesmo autor soará Laudate Pueri Dominum, que será interpretada pola soprano Franscesca Aspromonte. A continuación os músicos achegarán ao público a Sonata para cordas nº 1 de Gioachino Rossini. O broche final destes concertos porao a Sinfonía nº 26 de Luigi Boccherini.

A soprano Franscesca Aspromonte

Franscesca Aspromonte consolidouse como unha das sopranos máis interesantes do repertorio barroco e clásico. Despois dos seus estudos de piano e clavecín, completou a súa formación de ópera con distinción no Mozarteum de Salzburgo e máis tarde na Academia Nacional de Santa Cecilia en Roma. Actuou en auditorios e salas tan prestixiosas como o Carnegie Hall, Teatro La Fenice, Teatro dos Campos Elíseos, Grand Hall do Conservatorio de Moscova, Opéra Royal de Versalles, Royal Albert Hall, Barbican Centre, Wigmore Hall, Musikverein e Konzerthaus de Viena, Teatro Real de Madrid… Desde 2019 imparte clases de interpretación do repertorio barroco italiano no Real Conservatorio da Haia.