A Real Filharmonía de Galicia

A Real Filharmonía de Galicia nace como un ambicioso proxecto cultural en Santiago de Compostela no ano 1996. Formada por 50 músicos e un equipo administrativo de 6 persoas, ten a súa sede permanente no Auditorio de Galicia. Baldur Brönnimann é, desde xaneiro de 2023, o director titular e artístico da formación e Maximino Zumalave o seu director asociado. No ano 2020 Joana Carneiro incorpórase como principal directora invitada.

Os obxectivos da RFG céntranse en difundir a música clásica en todo o territorio galego, buscando sempre as máis altas cotas de excelencia artística a través da colaboración con directores/as e instrumentistas do máis alto nivel e cun firme compromiso na estimulación do talento e a formación musical de nenos e novos.

Na actualidade, a Real Filharmonía de Galicia consolídase como unha das iniciativas musicais galegas máis importantes e recoñecidas, empeñada na procura de sinerxías con outras institucións culturais nos ámbitos rexional, nacional e internacional e na difusión da cultura que se fai en Galicia máis aló do noso territorio.