A RFG participa no Festival Internacional de Santander xunto a Pacho Flores

A Real Filharmonía de Galicia participa na 70ª edición do prestixioso Festival Internacional de Santander. O concerto terá lugar o 12 de agosto, no Palacio de Festivais de Cantabria, ás 20:30 horas, baixo a batuta do director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel. A orquestra estará acompañada do trompetista venezolano Pacho Flores, habitual artista convidado da RFG.

As entradas poden adquirirse, desde 6 euros, na web https://festivalinternacionaldesantander.sacatuentrada.es/.

 

 

Unha viaxe musical de Nova York a Arxentina

O concerto comezará cun fragmento de On the town de Leonard Bernstein (1918-1990), un musical composto en 1944 para ser representado en Broadway e do que un ano máis tarde se realizou a súa adaptación cinematográfica.

O trompetista Pacho Flores interpretará tres obras: Concerto de otoño para trompeta do mexicano Arturo Márquez (1950); Revirado do arxentino Astor Piazzolla (1921-1992), do que este ano se cumpre o primeiro centenario do seu nacemento, arranxado polo propio Flores; e Invierno porteño de Piazzolla, arranxado por Efraín Oscher. O concerto concluirá con Cuatro danzas do ballet Estancia, unha obra do tamén compositor arxentino Alberto Ginastera (1916-1983).