A RFG celebra o seu 25º aniversario cunha gala lírica na Praza da Quintana (CONVITES ESGOTADOS)

A Real Filharmonía de Galicia daba os seus primeiros pasos o 29 de febreiro de 1996. Para celebralo, o 29 de xullo ofrecerá un concerto gratuíto na Praza da Quintana, ás 21:30 horas, no marco das festas do Apóstolo. Á fronte porase o seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel. Os convites xa están esgotados.

O aforo máximo permitido será de 700 persoas e será preciso acudir cunha antelación de 30 minutos. Para que o concerto poida chegar á maior cantidade de público posible, poderá seguirse tamén en directo por streaming a través da canle de Youtube da RFG.

Será unha gala lírica. Contará coas voces do tenor Pene Pati e da soprano Amina Edris. Durante a velada soarán algunhas das arias máis coñecidas das óperas máis famosas da historia da música como Carmen de Bizet, La Traviata de Verdi, Romeo e Xulieta e Fausto de Gounod, O elixir de amor de Donizetti, Thais de Massenet, La bohème de Puccini, Cavalleria rusticana de Mascagni, Madame Butterfly de Puccini, On the town e West side history de Bernstein.

Pene Pati e Amina Edris

O tenor neozelandés Pene Pati conquistou o mundo da ópera cos seus recentes debuts como Percy en Anna Bolena na Ópera Nacional de Bordeus, Romeo en Romeo e Xulieta na Ópera de San Francisco e Alfredo en La Traviata no histórico Teatro Bolshoi de Moscova. Como gañador do Primeiro Premio no Concurso Internacional de Aria Montserrat Caballé, foi convidado a formar parte dun concerto especial de celebración en 2019 dedicado á soprano no Gran Teatro do Liceo de Barcelona.

A soprano exipica Amina Edris logrou establecerse como unha das novas promesas no escenario operístico actual. Entre os seus recentes e próximas actuacións destaca o seu debut na Ópera Nacional do Rhin como Micaela en Carmen e na Ópera de Limoges como  Violeta en La Traviata, así como o seu regreso á Ópera de París no rol da Tolemia en Platea. Ademais, gozará de novas estreas no Teatro dos Campos Elíseos e no Gran Teatro do Liceu e regresará á Ópera de San Francisco e á Ópera Nacional de Bordeus. Formouse na Universidade de Canterbury (Nova Zelandia), na Academia Internacional de Voz de Gales e no Conservatorio de Música de San Francisco.