A Real Filharmonía ofrecerá concertos en Compostela, Madrid e Espinho no mes de xuño

Os días 9 e 16 no Auditorio de Galicia participará nas Xornadas de Música Contemporánea e ofrecerá un concerto co alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral

Os días 20 e 25 fará dous desprazamentos, ao Teatro Real de Madrid para un concerto con Luz Casal, e ao Festival Internacional de Música de Espinho (Portugal)

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá catro concertos durante o vindeiro mes de xuño. Dous deles serán en Compostela, sendo o primeiro o vindeiro día 9 no Auditorio de Galicia nas Xornadas de Música Contemporánea que organiza Compostela Cultura, e o seguinte o día 16 no mesmo escenario co alumnado do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais que remata curso.

Os días 20 e 25 a Real Filharmonía fará dous desprazamentos a Madrid e a Espinho (Portugal) para ofrecer senllos recitais. O primeiro será no Unviersal Music Festival acompañados da cantante Luz Casal no Teatro Real e o segundo será no Festival Internacional de Música de Espinho.

Xornadas de Música Contemporánea
A Real Filharmonía de Galicia conmemora o centenario do nacemento do compositor galego Carlos García-Picos quen desenvolveu gran parte da súa actividade en Bos Aires, onde contactou coa intelectualidade galega. En Francia, estudou na Schola Cantorum e no Conservatorio Nacional de París. Foi o principal impulsor, socio e membro de honra da Asociación de Compositores de Galicia e mantivo na capital arxentina un compromiso constante coa comunidade galega.

Esta homenaxe será nas Xornadas de Música Contemporánea que organiza Compostela Cultura cun concerto o xoves 9 de xuño ás 20.30h no Auditorio de Galicia con Maximino Zumalave á batuta, Javier Ares Espiño como piano e Álex Salgueiro como fagot. Neste concerto ofrecerase a estrea absoluta do Concerto para piano-fagot, cordas e percusión de Carlos García-Picos. Tamén se interpretará a súa obra Sindy, ademais de ‘O boi sobre o tellado’ de Darius Milhaud.

Concerto dos alumnos do CAEO
O xoves 16 será a quenda dos alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais. Será nun concerto no Auditorio de Galicia cos alumnos seleccionados do CAEO onde se interpretarán obras de Wolfgang Amadeus Mozart, Johann Nepomuk Hummel, Piotr Ilyich Tchaikovsky, Pablo de Sarasate e Giovanni Bottesini. O concerto estará dirixido por Maximino Zumalave.

Concerto especial con Luz Casal
O luns 20 de xuño a Real Filharmonía de Galicia desprazarase ao Teatro Real de Madrid para ofrecer un concerto especial acompañados de Luz Casal enmarcado no Universal Music Festival. Nel, baixo a batuta director e arreglista César Guerrero, a cantante de Boimorto fará un percorrido por algún dos seus temas máis coñecidos como No me importa nada, Un nuevo día brillará ou Te dejé marchar.

Este concerto será unha nova oportunidade de ver xuntos á cantante coa Real Filharmonía tal e como fixeron o pasado verán na Praza do Obradoiro nun concerto contou con grande éxito de público e crítica e do que resultou o disco ‘Solo esta noche’, gravado en directo.

Festival Internacional de Música de Espinho
O último desprazamento da Real Filharmonía neste mes de xuño será a Espinho (Portugal) con motivo do Festival Internacional de Música de Espinho. Neste concerto, baixo a batuta de Joana Carneiro, principal directora convidada da formación, tamén estará a violinista Alena Baeva.

Nese concerto ofrecerase o Concerto para Violín núm. 2 escrito por Sergei Prokofiev, e a Sinfonía núm. 7 de Beethoven, unha obra de concepción maxistral que resultou en patrimonio sonoro para varias xeracións de oíntes.