A Real Filharmonía despide temporada coa visita do director Jordi Francés

Será cun dobre concerto o mércores no Teatro Afundación de Vigo e o xoves no Auditorio de Galicia de Santiago

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana o derradeiro programa da súa temporada 2022-23 ‘Escoitar o mundo’. Será cun dobre concerto en Vigo, no Teatro Afundación, este mércores 24 e no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela o xoves 25 no que levará a batuta o mestre Jordi Francés. O título deste último concerto da temporada será ‘Novos horizontes’.

O programa incluirá o Concerto Romanés de György Ligeti, a Sinfonía de Cámara de Dmitry Shostakovich e a Sinfonía núm. 4 en re menor de Robert Schumann.

O xoves, antes do comezo, o director charlará cos asistentes que así o desexen na Sala Mozart do Auditorio nunha nova edición de ‘Conversando con’, o ciclo de faladoiros da Real Filharmonía no que os adeptos á música poden comentar cos protagonistas as obras a interpretar.

Jordi Francés
O mestre Jordi Francés caracterízase por ter unha mirada ampla sobre o feito artístico. Como director convive entre a ópera, o repertorio sinfónico e a creación actual. Entre os seus máis recentes compromisos figuran invitacións de: Orquesta Nacional de España, Orquesta de la Comunidad de Madrid, Orquesta de Valencia, Sinfónica de Bilbao e numerosos proxectos co Ensemble Sonido Extremo, do que é director artístico.

Dirixiu tamén a Filharmónica da BBC, Orquesta de RTVE, Ensemble Intercontemporain, a Orquestra do Festival da Academia de Lucerna, e outros moitos conxuntos en Europa e América. Nos últimos anos colaborou de maneira habitual coa Joven Orquesta Nacional de España, Orquesta de Extremadura e a Joven Orquesta de la Comunidad de Madrid coa que realizou tamén proxectos de ópera e teatro musical.

Entradas á venda
Para o recital na cidade olívica as entradas poden mercarse a través da plataforma Ataquilla a prezos que van desde os 6,30€, mentres que para o concerto da capital galega as entradas serán a 15€ e poden adquirirse na web de Compostela Cultura e despachos de billetes habituais.

Concerto extraordinario
De todas maneiras, a actividade da Real Filharmonía non parará. Baldur Brönnimann, director titular e artístico da orquestra desde xaneiro deste ano, realizará un concerto extraordinario, o seu primeiro como máximo responsable, o vindeiro 15 de xuño no que dará a coñecer as chaves da vindeira temporada.