A Real Filharmonía de Galicia presenta o seu novo disco, “Atlantic Waters”

A Real Filharmonía de Galicia presentou o seu novo disco, realizado coa discográfica Odradek Records e co apoio do Xacobeo 2021-2022. Co título Atlantic Waters, reúne obras de catro compositores galegos contemporáneos: Eduardo Soutullo, Fernando Buide, Juan Durán e Octavio Vázquez. No mesmo participaron ademais a gaiteira Cristina Pato, a soprano Raquel Lojendio e a arpista Alba Barreiro. A batuta levouna o director titular e artístico da RFG, o mestre Paul Daniel. O disco gravouse en xuño de 2017 e xullo de 2018 na sede da RFG, o Auditorio de Galicia. O encargado do son foi Pablo Barreiro.

Este proxecto, que se presenta no ano do 25º aniversario da Real Filharmonía de Galicia, enmárcase dentro do compromiso da RFG de apoiar aos compositores galegos contemporáneos.

Catro compositores, catro personalidades musicais

No libreto do disco Paul Daniel destaca: “Sempre me fascinou a variedade e a brillantez da música orquestral galega: coas obras deste álbum atopei a oportunidade de reunir a catro dos compositores máis importantes de Galicia, que escriben de xeito prolífico e con tanta confianza, e con personalidades musicais tan diferentes. É unha forma de celebrar a enorme variedade e forza da música orquestral galega contemporánea. Galicia é unha terra chea de sorpresas, de contrastes, de elegancia e de forza: estes catro compositores captan esa beleza e esa forza, a forza da terra, a fascinante elegancia da poesía…”.

O disco ábrese coa obra Pasaxes do compostelán Fernande Buide, coa voz da soprano Raquel Lojendio. Tras varias colaboracións entre o mestre Paul Daniel e Fernando Buide, xurdiu a idea de compor unha peza para voz solista e orquestra, cuxo estrea formou parte do concerto inaugural da temporada 2016/17 da Real Filharmonía de Galicia. Está inspirada nun poema do galego Gonzalo Hermo, que arrinca con “ESTOU AQUÍ. En fronte atópase o resto do mundo” e que chamou a atención do compositor polo seu dinamismo e arraigamento no presente. Por outro lado, inspírase no poema “Will you come?” de Edward Thomas, centrado na temática da ausencia. O compositor establece así un diálogo entre estes dous autores.

A obra Pórtico da Illa de Monteagudo de Juan Durán, coa arpista viguesa Alba Barreiro     -especializada na arpa celta e clásica-, é un chamamento á conservación da natureza. En 2015 o Concello de Vigo patrocinou un espectáculo audiovisual titulado O canto das Illas. Dous anos antes xa se iniciaran os trámites para conseguir que as Illas Cíes se declarasen Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Este foi o marco no que se produciu a estrea absoluta desta abertura. O compositor vigués, entre outros moitos galardóns, conta co Premio da Cultura Galega 2013 e co Premio Reina Sofía de Composición 2018.

A gaiteira e pianista Cristina Pato encargou ao compositor compostelán Octavio Vázquez en 2014 Viúvas de vivos e mortos como parte do seu pioneiro proxecto de expansión do repertorio para gaita e orquestra “Gaita and Orchestra Commissioning Project”, apoiado por New Music USA. É unha analoxía ao libro V de Follas novas de Rosalía de Castro, un poemario onde a poetisa e novelista galega reflexiona sobre o fenómeno da emigración que se produciu en Galicia entre 1880 e 1975. Vázquez é na actualidade profesor de composición na universidade Nazareth College de Rochester (Nova York). A súa música percorreu medio mundo, eloxiada no New York Times polo seu “melodismo e contundencia rítmica”, atributos que tamén definen o seu concerto para gaita e orquestra.

O disco péchase coa obra Jobs and Gates at dawn (and other uchronias) de Eduardo Soutullo, que o compositor vigués escribiu por encargo da Fundación Autor e a Asociación Española de Orquestas Sinfónicas. Esta peza obtivo no ano 2018 o Primeiro Premio no VII Concurso Internacional de Composición New Note (Croacia) e tamén foi finalista no Concurso de Composición do Festival de Música Nova RED NOTE (Estados Unidos). Nesta obra Soutullo rompe as fronteiras entre o real e o imaxinario, co seu enxeñoso e fascinante encontro de dous xigantes do mundo da tecnoloxía, Steve Jobs e Bill Gates.