A Real Filharmonía de Galicia pecha a súa temporada ‘Viaxes’ coa estrea da obra Ilusións (M?y?) do compositor Octavio Vázquez

O programa dirixido polo mestre Paul Daniel incluirá a Sinfonía Fantástica de Héctor Berlioz

A Real Filharmonía de Galicia despide a súa temporada ‘Viaxes’ cun dobre concerto este xoves 19 e venres 20 de maio no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e no Teatro Afundación de Vigo, respectivamente, que levará por título ‘Unha viaxe fantástica’.

Nesta dobre cita, a Real Filharmonía estreará a obra Ilusións (M?y?) pertencente á triloxía Sattva do compositor galego Octavio Vázquez, elaborada por encargo da RFG. Ademais, interpretará tamén a Sinfonía Fantástica, op. 14: Épisode de la vie d’un Artiste de Héctor Berlioz. O mestre Paul Daniel será o encargado de dirixir esta cita.

Estrea absoluta
O punto forte da noite vivirase coa estrea da obra Ilusións do compositor Octavio Vázquez. “A Encyclopaedia Britannica escribe que Ma?ya?, (sa?nscrito: “maxia” ou “ilusio?n”) e? “un concepto fundamental na filosofi?a hindu?, especialmente na escola Advaita (non dualista) do Vedanta (…) a poderosa forza que crea a ilusio?n co?smica de que o mundo fenomenal e? real””, indica o compositor

Explica Octavio Vázquez que “Albert Einstein, nunha carta ao seu amigo Robert S. Marcus do 12 de febreiro de 1950, escribe “Un ser humano e? unha parte do todo, do que chamamos “Universo”, unha parte limitada no tempo e no espazo. Experime?ntase a si mesmo, os seus pensamentos e sentimentos, como algo separado do resto––unha especie de ilusio?n o?ptica da su?a conciencia”.

Punto e final
Con este concerto a Real Filharmonía de Galicia porá o punto final á última temporada completa de Paul Daniel como director principal logo do anuncio de que dará por finalizada a súa etapa en decembro de 2022 coa orquestra galega.

Será o último concerto dunha temporada na que a Real Filharmonía levou o público asistente a viaxar por todo o mundo sen moverse do auditorio grazas á música e na que se viviron grandes fitos como a estrea mundial de A Sombra de Cristal, ópera cómica en galego de Fernando Buide con texto de Quico Cadaval, ademais do debut e presenza en Galicia de grandes directores e solistas.

Entradas á venda
As entradas para o recital deste xoves no Auditorio de Galicia atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 15€ mentres que para o concerto do venres están á venda na web ataquilla.com desde 6,30€.

Ademais, na previa do concerto do xoves no Auditorio de Galicia, o mestre Paul Daniel e o compositor Octavio Vázquez conversarán co público interesado nunha nova edición de “Conversando con…”.